O Goberno cede tres parcelas gratuítas a Arteixo destinadas a instalacións deportivas

ACoruñaXa
O Concello de Arteixo está a tramitar un plan especial de dotacións e infraestruturas para dotar ao circuíto de novos servizos como aparcamentos
Imaxe aérea do circuíto de autocros de Arteixo
Imaxe aérea do circuíto de autocros de Arteixo
21 mar 2024

O Ministerio de Facenda publicou este xoves no Boletín Oficial de Estado a cesión de tres leiras que ocupan un total de 52.000 m² ao Concello de Arteixo e que actualmente ocupa o circuíto de autocros, onde se celebran habitualmente competicións deportivas como campionatos galegos ou de España.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, quixo poñer en valor o compromiso do Goberno co Concello de Arteixo que queda patente unha vez máis coa cesión gratuíta por parte do Ministerio de Facenda de tres parcelas rústicas para o seu uso como instalacións deportivas.

A subdelegada indicou que a cesión destas parcelas rústicas na parroquia de Morás, en Arteixo, beneficiará ao circuíto de carreiras-autocrós e ás súas instalacións anexas. “Suporá un impulso para o deporte na zona e contribuirá a dinamizar a actividade deportiva neste municipio”, afirmou Rivas, quen destacou que esta iniciativa forma parte tamén da política do Goberno de promover o deporte como un medio para fomentar a actividade física e a vida saudable, así como para impulsar o desenvolvemento económico e social das diferentes localidades de Galicia.

María Rivas tamén lembrou que esta cesión súmase a outras axudas e investimentos realizados polo Goberno de España en Arteixo, como a rexeneración ambiental dos ríos Bolaños e Bidueira por valor de máis de 900.000 euros ou as obras de humanización do Paseo do Balneario cunha subvención de 702.000 euros, entre outras, “o que demostra o forte compromiso do Goberno coa mellora da localidade, promovendo proxectos que benefician ao conxunto da cidadanía e que inciden no seu desenvolvemento e crecemento económico.

Pola súa banda, o Concello de Arteixo, que celebra a nova, sinalou que dende o Goberno levaban tempo solicitando a cesión destes terreos xa ocupados polo circuíto e que no seu día foron expropiados polo Estado para a construción da autovía A-6 para seguir co trámite dun plan especial de dotacións e infraestruturas co obxectivo de ampliar as instalacións deportivas e dotalas de servizos como aparcamentos.

Neste sentido, unha vez que os terreos pasen a ser parte dominio público municipal, as actividades que se realicen no circuíto xa non necesitarán da autorización da Demarcación de Estradas.