O Festival Touliña Pop enche o porto de música e ambiente na súa sesión vermú

ACoruñaXa
O evento gratuíto volveu converter Sada nun punto de encontro para o público chegado de distintos puntos de Galicia e do resto do Estado
SADA touliña pop 2026
10 May 2026

A pesar do tempo inestable e dos cambios que marcaron os días previos, o Touliña Pop Festival volveu demostrar este sábado o seu tirón en Sada. A tradicional sesión vermú reuniu desde a mañá unha importante afluencia de público na contorna do porto, con veciñanza, visitantes e afeccionados ao rock and roll desfrutando da música en directo e do ambiente nas rúas.

A previsión de choiva obrigara á organización a revisar a programación de rúa. Primeiro anunciouse a cancelación dalgunhas actuacións ao aire libre, pero finalmente os concertos recuperáronse tras reforzar a cobertura dos escenarios para protexer artistas e equipos de son. Esa adaptación permitiu manter o espírito dun festival que ten precisamente na música a pé de rúa unha das súas principais marcas.

A xornada contou con propostas como Bee Dee Kay Drives The UFOzzz, The Fuzillis e Brad Marino, ademais das sesións de pinchadiscos que acompañaron o ambiente durante o día. Xa pola noite, o peso da programación pasou polos concertos de The Jackets, The Lords of Altamont e Nashville Pussy, un dos nomes máis destacados do cartel desta edición.

A actividade non se limitou aos concertos. Durante o festival tamén houbo espazo para o merchandising oficial, con camisetas, suadoiros e bolsas do Touliña Pop, que moitas persoas aproveitaron para levar unha lembranza da cita e apoiar a continuidade dun evento xa plenamente asentado no calendario cultural sadense.

O ambiente foi medrando ao longo do día no porto, no paseo marítimo e nas rúas próximas, cunha notable presenza de público nos locais de hostalaría e nos espazos comerciais da zona. O Touliña Pop volveu funcionar como reclamo para persoas chegadas de distintos puntos de Galicia e tamén de fóra, atraídas por unha programación gratuíta e moi vencellada ao rock, ao garage e ao punk.

O Concello destacou a boa resposta do público nunha xornada na que nin a ameaza de choiva freou a participación. Sada volveu vivir así unha das súas citas culturais máis singulares, cun festival que combina música, rúa, comercio local e ambiente festivo durante toda a fin de semana.

0.11661195755005