O Día da Bicicleta regresará a Arteixo o 23 de agosto cun percorrido de 16 quilómetros para toda a familia

ACoruñaXa
A segunda edición da cita partirá ás 11.00 horas e percorrerá distintas parroquias do municipio con inscrición gratuíta e uso obrigatorio do casco
A CORUÑA bicicleta
30 Jul 2026

Arteixo volverá promover unha xornada de deporte e convivencia coa celebración da segunda edición do Día da Bicicleta, que terá lugar o domingo 23 de agosto a partir das 11.00 horas.

A iniciativa está organizada polo Club Ciclista MB3, en colaboración co Concello de Arteixo e diversas empresas patrocinadoras, e ofrecerá un percorrido de 16 quilómetros pensado para que poidan participar persoas de todas as idades.

A ruta atravesará diferentes parroquias e lugares do municipio, entre eles Loureda, Morás, Pastoriza, Armentón, Barrañán, Chamín, Monteagudo, Sorrizo, Suevos, Lariño e o núcleo urbano de Arteixo, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e descubrir distintos espazos do concello sobre dúas rodas.

A organización lembra que o uso do casco será obrigatorio para todas as persoas participantes e anima ás familias a sumarse a unha actividade que combina exercicio físico, lecer e convivencia.

A inscrición é gratuíta e xa pode realizarse a través da plataforma habilitada pola organización.

0.13645505905151