O deporte feminino gaña bancada con 'Carral en equipo'

ACoruñaXa
O Concello promoverá desprazamentos gratuítos para animar aos clubs locais en citas de ximnasia rítmica, fútbol e patinaxe, cunha aposta clara pola visibilidade das disciplinas femininas
CARRAL en equipo
16 Apr 2026

O Concello de Carral vén de poñer en marcha 'Carral en equipo', un novo programa de dinamización social e deportiva co que busca dar máis proxección ás disciplinas con maior presenza no municipio e implicar á veciñanza no apoio aos clubs locais.

A iniciativa nace coa intención de converter o deporte nun punto de encontro para a comunidade, animando a que os veciños e veciñas acudan como público a competicións destacadas nas que participan entidades deportivas de Carral. O obxectivo pasa por reforzar o tecido asociativo, alimentar o sentimento de pertenza e consolidar unha identidade colectiva arredor do deporte de base e tamén do competitivo.

Un dos piares da proposta é, ademais, o impulso ao deporte feminino. Os desprazamentos previstos estarán ligados a competicións protagonizadas por equipos ou modalidades maioritariamente femininas, co propósito de avanzar na igualdade e contribuír a unha maior visibilidade e recoñecemento destas disciplinas.

Dentro deste programa, o Concello organizará viaxes gratuítas en autobús, con prazas limitadas, para facilitar a asistencia da veciñanza ás diferentes citas deportivas. A primeira saída terá lugar o 18 de abril, con destino a Nigrán, onde o público poderá apoiar ao Club de Ximnasia Rítmica de Carral nun torneo galego.

O calendario inclúe tamén outros dous desprazamentos. O 3 de maio está prevista unha viaxe a Gondomar para acompañar á UD Carral Feminino, mentres que o 5 de xullo a expedición desprazarase ata O Carballiño para respaldar ao Club Patinaxe Alquimia Carral.

As inscricións para cada unha das saídas abriranse nos días previos a cada viaxe no Complexo Deportivo. As persoas interesadas tamén poderán reservar praza a través do correo complexo.deportivo@carral.es ou no teléfono 678 33 88 47, ata completar a capacidade dispoñible.

0.14480900764465