O delegado do Goberno apela a estender a loita contra a violencia machista a todos os días do ano

ACoruñaXa
O acto central en conmemoración do 25N celebrouse na Coruña cunha acción reivindicativa e a lectura dunha Declaración Institucional que contou coa participación de líderes políticos, funcionariado e colectivos feministas
Acto 25N Delegación do Goberno
25 Nov 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a importancia de manter vivo o espírito do 25 de Novembro ao longo de todo o ano, co obxectivo de reforzar a concienciación social e a loita conxunta contra a violencia de xénero. Blanco realizou este chamamento durante o acto central polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que tivo lugar na Delegación do Goberno na Coruña.

O evento arrancou cunha acción simbólica e emotiva: a exposición de panos bordados no taller Bordados contra a Violencia, dirixido pola ilustradora Bea Lema. Estes panos, que recollen os nomes das mulleres asasinadas este ano en España xunto con mensaxes feministas, permanecerán expostos no vestíbulo da Delegación durante os próximos días.

No acto, dez representantes institucionais e sociais, entre elas a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a subdelegada do Goberno na provincia, María Rivas, deron voz á Declaración Institucional aprobada recentemente polo Consello de Ministros. Esta declaración subliña a necesidade de reforzar os mecanismos de prevención e atención ás vítimas, así como a coordinación entre administracións para facer fronte a esta lacra.

Un dos momentos máis emocionantes da cerimonia foi o minuto de silencio convocado en memoria das vítimas da violencia machista, que concluíu cun longo aplauso de solidariedade coas mulleres que sofren esta violencia e coas persoas que as acompañan e protexen.

Ademais de Pedro Blanco, estiveron presentes o delegado de Defensa en Galicia, o xefe superior de Policía, o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña e responsables doutros órganos da Administración do Estado, así como representantes de asociacións feministas e colectivos cidadáns.

Balance do programa 25N en Galicia

O acto tamén marcou o peche dun extenso programa organizado pola Delegación do Goberno para conmemorar o 25N, centrado especialmente na educación da mocidade e na contribución da cultura para combater o machismo. Entre as actividades destacadas, en Lugo celebrouse un recital perfo-poético que deu visibilidade a autoras galegas comprometidas coa igualdade; en centros educativos de toda Galicia promoveuse a experiencia “Regueifando en igualdade”; o Pazo de Mariñán acolleu unha xornada de formación para Corpos e Forzas de Seguridade, e en Ourense realizáronse cursos de autodefensa para mulleres vítimas de violencia machista.

En Vigo, continúa aberta na Praza do Rei a exposición Amigo, dáte conta, que busca sensibilizar á mocidade fronte ao machismo nas relacións de parella adolescentes.

O programa tamén incluíu a entrega dos recoñecementos Meninas de Galicia na Coruña, onde se destacou o labor de persoas e entidades galegas na loita contra a violencia de xénero durante este último ano. "A educación e a implicación cidadá son claves para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria", conclúe Pedro Blanco.

0.155757188797