O debate sobre o encarecemento da piscina municipal protagoniza unha nova sesión extraordinaria en Carral

ACoruñaXa
O Goberno local rexeita as alegacións da oposición e aproba de forma definitiva a suba das tarifas mentres destina 3000 euros a este encontro institucional
CARRAL pleno extra 13.07.2026
13 Jul 2026

A xestión das instalacións públicas volve centrar o foco político no municipio. O Concello de Carral aprobou a modificación da Ordenanza Fiscal número 22 tras unha sesión extraordinario marcada pola controversia e polas queixas dos grupos da oposición. O encontro municipal, desenvolvido en horario de mañá, serviu para desestimar as alegacións presentadas polo grupo socialista e referendar un incremento de tarifas que afecta de xeito directo aos accesos diarios da piscina pública en plena campaña de verán.

O arranque do pleno estivo protagonizado polas discrepancias arredor da urxencia da convocatoria. A pesar de que saíu adiante grazas ao apoio do Partido Popular e dos concelleiros non adscritos, o punto contou co rexeitamento de Alternativa dos Veciños. A súa voceira, Rocío Rabuñal, considerou que os asuntos incluídos na orde do día non eran urxentes e afeou ao alcalde, José Luis Fernández Mouriño, erros formais nos documentos oficiais recibidos, que moficaban as datas situándoas no ano 2025 en lugar do exercicio de 2026. Rabuñal tamén criticou a inclusión da fixación do calendario festivo de 2027 nesta cita, o que lle fixo sospeitar que o executivo queira eludir a celebración do vindeiro pleno ordinario.

O punto máis controvertido foi o relativo ao prezo da piscina. O PSOE presentara por escrito unha alegación para solicitar tarifas diferenciadas que protexeran os petos dos veciños empadronados fronte aos usuarios de fóra do concello. A postura socialista defendíase unicamente a través deste documento, xa que a súa voceira non puido estar presente na sesión ao celebrarse ás 10.00 horas por motivos de conciliación laboral. De feito, a formación xa criticara con anterioridade este horario de mañá e avanzou que trasladará este debate ao vindeiro pleno ordinario de tarde a través dunha moción. Os socialistas lembraron que no pleno de maio o executivo admitira que a suba de prezos buscaba evitar a masificación de bañistas foráneos. A oposición tamén lamentou que a ordenanza chegue tarde pola lentitude burocrática e criticou o custo de arredor de 3000 euros deste pleno extraordinario, así como que o novo regulamento interno careza de sancións.

Pola súa banda, Fernández Mouriño defendeu que a actualización fiscal céntrase sobre todo nas entradas diarias. O rexedor avanzou que as novas tarifas se aplicarán en canto a secretaría municipal outorgue o visto bo técnico definitivo. O expediente saíu aprobado cos votos a prol do Goberno local e os edís non adscritos, e coa abstención de Alternativa dos Veciños.

Os demais asuntos da orde do día discorreron con maior harmonía. A corporación de Carral aprobou por unanimidade a corrección dun erro material detectado na tramitación da segunda fase do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, un paso necesario para non frear os investimentos provinciais. Para rematar, determináronse os dous festivos locais para o ano 2027, que corresponderán ao Martes de Entroido e ao 8 de setembro, malia que Alternativa censurou que se trouxese este punto a un pleno extraordinario.

0.12720704078674