O curso de interpretación vocal da Tempada Lírica manterá aberta a inscrición ata o 22 de agosto

ACoruñaXa
A formación, dirixida polo barítono Carlos Álvarez, celebrarase entre finais de setembro e comezos de outubro e concluirá cun concerto no Museo de Belas Artes da Coruña
cursos-interpretacion-vocal-amigos-da-opera-coruña
26 Jul 2026

As persoas interesadas en participar no curso de interpretación vocal da Tempada Lírica 2026 teñen ata o 22 de agosto para presentar a súa solicitude como alumnado activo ou oínte. A actividade formativa desenvolverase entre o 28 de setembro e o 3 de outubro baixo a dirección do barítono Carlos Álvarez.

O curso inclúe cinco días de clases maxistrais no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, onde o alumnado seleccionado traballará aspectos técnicos e interpretativos sobre o repertorio elixido. A programación concluirá o 3 de outubro cunha gala lírica aberta ao público no Museo de Belas Artes da Coruña, ás 18.00 horas, coordinada por Carlos Álvarez e polo director artístico da Tempada Lírica, Aquiles Machado.

Para optar a unha das prazas como alumnado activo, as persoas candidatas deberán formalizar a inscrición e enviar dúas gravacións en vídeo cunha aria de ópera, oratorio ou lied, ademais do seu currículo formativo e artístico. Pola súa banda, quen desexe asistir como oínte deberá presentar a ficha de inscrición, unha copia do DNI e o xustificante da matrícula.

O prezo da matrícula para o alumnado activo será de 300 euros, mentres que a modalidade de oínte terá un custo de 50 euros. En ambos os casos, o estudantado dos conservatorios poderá beneficiarse dun 10 % de desconto presentando unha copia do carné do seu centro.

A Asociación de Amigos da Ópera mantén así unha nova edición deste programa formativo, orientado a favorecer a preparación de novos intérpretes e ofrecerlles a oportunidade de traballar cunha das figuras máis destacadas da lírica antes de presentar o seu traballo nun concerto aberto ao público.

0.11641502380371