O Courel acolle o inicio do proxecto Rebaños de Custodia para reforzar a prevención de incendios

RibeiraSacraXa | ACoruñaXa
A iniciativa, que se desenvolverá ata 2029, impulsará zonas de pastoreo e fórmulas para recoñecer os servizos ecosistémicos que achega esta actividade ao territorio
Presentación-Rebaños-de-Custodia-O-Courel
30 Jul 2026

O Grupo Operativo Supraautonómico Rebaños de Custodia iniciou a súa actividade cunha primeira visita de campo nas montañas do Courel, unha das tres áreas piloto seleccionadas para este proxecto que pretende fortalecer a gandaría extensiva como ferramenta de prevención de incendios forestais e de conservación da biodiversidade. A iniciativa desenvolverase ata abril de 2029 e permitirá probar distintas solucións tamén no Macizo do Garraf, en Barcelona, e na Serra do Montsec, en Lleida, co obxectivo de extraer conclusións aplicables a outros territorios.

A xornada serviu para presentar as actuacións previstas para os vindeiros tres anos e abrir un proceso de traballo participativo coas persoas e entidades vinculadas ao territorio. No encontro participaron representantes da Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora do proxecto; da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), socia da iniciativa; e o especialista en pastoreo e manexo agroecolóxico Xan Pouliquen. Tamén asistiron gandeiros, comunidades de montes e representantes de diversas entidades, entre elas a Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, o GDR Ribeira Sacra-Courel, o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e o Concello de Folgoso do Courel.

O proxecto nace da experiencia desenvolvida pola Fundación Juana de Vega, en Oleiros, tras os grandes incendios rexistrados no Courel en 2022, que puxeron de manifesto a necesidade de recuperar a actividade gandeira e a xestión activa do territorio para diminuír o risco de novos lumes. Rebaños de Custodia dá continuidade á iniciativa CAPRIF-CC e busca facer máis viable a gandaría extensiva en espazos estratéxicos para a prevención de incendios e a conservación da biodiversidade.

Entre as actuacións previstas figura a creación de zonas de pastoreo adaptadas á realidade do Courel e dotadas das infraestruturas necesarias para facilitar o manexo do gando. Ademais, o proxecto traballará no deseño de mecanismos que permitan recoñecer e compensar os beneficios ambientais xerados por esta actividade, entre eles a redución da vexetación combustible, o mantemento da paisaxe e outros servizos ecosistémicos.

A primeira visita marca o inicio dun proceso que continuará nos próximos tres anos mediante encontros, entrevistas, traballos técnicos, visitas de campo e sesións de participación colectiva. Entre as primeiras accións estará a identificación das áreas nas que o pastoreo poida contribuír de forma máis efectiva á redución da biomasa vexetal e á creación de paisaxes máis resilientes fronte aos incendios.

Durante a reunión tamén se analizaron cuestións como o abandono dos pastos, as dificultades de acceso á terra, a falta de infraestruturas e os obstáculos administrativos que afrontan as explotacións. As persoas participantes coincidiron na necesidade de reforzar a colaboración entre comunidades de montes, gandeiros, asociacións e administracións públicas para garantir unha xestión activa do territorio e poñer en valor o papel da gandaría extensiva na prevención de incendios, na conservación da paisaxe e no desenvolvemento do rural.

0.11996293067932