O Concello e a Subdelegación reclamarán máis persoal para reforzar a oficina do INSS

O Concello de Betanzos e a Subdelegación do Goberno darán un novo paso para intentar resolver a situación da oficina do Instituto Nacional da Seguridade Social, cunha petición formal para incrementar o persoal destinado á sede betanceira. A demanda será trasladada tanto á dirección provincial do INSS como á dirección xeral, en Madrid, despois de constatar que o actual número de traballadores resulta insuficiente para responder ao volume de usuarios.
A alcaldesa, María Barral, visitou este luns as instalacións xunto ao subdelegado do Goberno, Julio Abalde, co que xa abordara esta problemática nun encontro celebrado hai unhas semanas. O obxectivo, segundo explicou a rexedora, é atopar unha solución definitiva a un servizo que afecta a veciños de Betanzos e tamén doutros municipios da comarca, obrigados en moitos casos a desprazarse a outras localidades para seren atendidos.
Unha vez superados os problemas iniciais coa obtención de cita, a situación mellorou coa recuperación da atención presencial. Porén, o seguinte obstáculo segue a ser a escaseza de persoal. Na actualidade, a oficina conta con tres traballadores e unha baixa adicional, unha dotación que o goberno local considera claramente insuficiente para asumir a demanda existente.
Segundo se lles trasladou durante a visita, as citas presenciais están a ofrecerse cunha marxe aproximada de quince días e esgótanse a primeira hora da mañá. Esta saturación fai que o propio sistema derive aos usuarios cara a outras oficinas con ocos dispoñibles, entre elas as de Negreira, Ortigueira ou Melide. A alcaldesa subliñou que esta situación evidencia a necesidade de redimensionar os postos de traballo da oficina de Betanzos en función das necesidades reais do territorio.
María Barral e Julio Abalde coincidiron en reclamar un reforzo do persoal e unha reorganización estable da oficina que permita cubrir as baixas e garantir unha atención axeitada. Desde o Concello insisten en que non se pode prolongar máis unha situación que segue a xerar prexuízos diarios á cidadanía.