O Concello de Vilasantar solicita a ampliación e mellora da estrada DP-3205 para reforzar a seguridade viaria

O alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, mantivo esta semana un encontro coa deputada de Vías e Obras da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez, para analizar o estado da estrada DP-3205, unha vía que conecta catro parroquias do municipio e sobre a que o Concello reclama actuacións de mellora.
Durante a visita percorreron os preto de nove quilómetros da estrada para comprobar a situación actual. Segundo trasladou o Concello, os primeiros 1.500 metros presentan condicións axeitadas, mentres que os 7.400 metros restantes contan cun ancho aproximado de cinco metros, unha dimensión que considera insuficiente para o tránsito diario de vehículos particulares e da maquinaria utilizada polos sectores gandeiro e forestal.
A proposta municipal pasa por ampliar a plataforma da estrada ata un mínimo de seis metros de ancho, executar un tratamento integral do firme con aglomerado asfáltico e mellorar as condicións de seguridade tanto para os condutores como para os peóns.
Segundo informou o Concello, a Deputación da Coruña comprometeuse a iniciar os estudos técnicos necesarios para avaliar a ampliación da vía. Pola súa banda, o Goberno local asegura que fará un seguimento do proxecto co obxectivo de que esta actuación poida executarse o antes posible.