O Concello de Ordes unírase ao sistema 'Viogén' contra a violencia de xénero

ACoruñaXa
O Concello de Ordes iniciará os trámites para incorporarse ao sistema 'Viogén'.
Imaxe recurso contra a violencia de xénero
Imaxe recurso contra a violencia de xénero
5 abr 2024

O Concello de Ordes iniciará os trámites para incorporarse ao sistema 'Viogén'. A decisión chega despois de que a moción do BNG para incorporar a policía local no sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero, recibise o apoio unánime da corporación municipal.

María Vieites Calvo, concelleira do BNG, expuxo que “a violencia de xénero é unha lacra social, e débense utilizar tódalas ferramentas normativas dispoñibles para combatela”. Neste sentido, a concelleira nacionalista destaca que o sistema 'VIOGÉN', creado no 2007, “ofrece moitas vantaxes que deberían ser aplicadas e dadas a coñecer”.

Entre as vantaxes, Vieites destaca “aglutinar as diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero nunha mesma rede, onde poder integrar toda a información que se estime precisa, permitindo valorar e facer predicións do risco que pode sufrir unha muller vítima de violencia de xénero, facer un seguimento das vítimas, así como efectuar unha labor preventiva emitindo avisos e alertas cando se detecte algunha incidencia que poida poñer en risco a integridade da vítima”.

Desde o BNG agradecen “o apoio da corporación municipal a esta proposta para que Ordes pase a formar parte deste protocolo”.