O Concello de Miño disporá de máis de dous millóns de euros para investimentos tras pechar o ano con superávit

O Concello vén de aprobar a liquidación de gastos e ingresos do orzamento correspondente ao exercicio de 2025, un balance que arroxa un saldo positivo de 2.174.840 euros. Esta contía económica servirá como motor para iniciar a contratación de diversas melloras nas infraestruturas públicas e nos servicios de carácter local.
Os fondos sobrantes distribuiranse nun ambicioso plan de actuacións que afectará a diferentes puntos do termo municipal. Entre os proxectos máis destacados atópase a renovación integral das beirarrúas desde a zona da Carreira ata Loios, unha intervención de envergadura que conta cun presuposto de 1.192.102 euros coa que se pretende potenciar a seguridade dos peóns e optimizar a accesibilidade na contorna. Na mesma liña de actuación, o Goberno local destinará 240.046 euros para o arranxo das beirarrúas da rúa Marismas.
A mobilidade rodada e o deporte tamén recibirán unha inxección económica importante. O plan de investimentos recolle unha partida de 241.497 euros para estender unha nova capa de rodadura e mellorar o pavimento nas rúas Barrosa, Carreira e Raxel. Así mesmo, o campo de fútbol municipal verá ampliada a súa cuberta grazas a un proxecto específico valorado en 95.494 euros.
O rexedor de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, manifestou que este balance orzamentario favorable constitúe o reflexo directo dunha administración financeira eficiente. Segundo o alcalde, esta xestión rigorosa das arcas locais é a que hoxe facilita seguir activando investimentos clave que axudan ao progreso diario de todo o municipio. A cantidade restante de este remanente de crédito reservarase para acometer pequenas intervencións e reparacións urxentes en todas as parroquias do concello co obxectivo de dar resposta ás demandas veciñais.