O Concello de Curtis exixe unha solución aos continuos cortes de luz que afectan ó municipio

ACoruñaXa
O Gobierno local reclama a Unión Fenosa Distribución unha revisión urxente da rede ante as interrupcións que afectan aos fogares, comercios e empresas de diferentes zonas
ORDES cortes luz
7 Sep 2026

Os continuos cortes de luz están a xerar preocupación e malestar entre a veciñanza, o comercio e as empresas de Curtis. As interrupcións, que segundo o Concello se producen practicamente a diario e sen previo aviso, están a afectar diferentes zonas do municipio e a dificultar tanto a vida cotiá como a actividade económica.

Ante esta situación, o Concello de Curtis dirixiuse formalmente a Unión Fenosa Distribución para reclamar unha solución inmediata ás deficiencias que se están a rexistrar na subministración eléctrica.

O alcalde, Javier Caínzos, considera que a situación xa non pode prolongarse debido ás consecuencias que está a provocar entre a cidadanía e no tecido empresarial. Segundo sinala, os cortes están a afectar o funcionamento habitual dos fogares e das empresas e están a xerar tamén prexuízos para a economía local.

As incidencias afectan especialmente á parroquia de Santaia, incluíndo Teixeiro, Outeiro, Carballas e Penedo, así como ao Polígono Industrial de Curtis-Teixeiro. Tamén se rexistran problemas en diferentes lugares da parroquia de Lourdes, entre eles O Seixo de Arriba e O Seixo de Abaixo.

O Concello alerta ademais de que os cortes non son o único problema. As variacións de tensión e as interrupcións do servizo estarían provocando danos materiais en vivendas e negocios, así como perdas económicas derivadas das incidencias reiteradas.

Por este motivo, o goberno local solicita a Unión Fenosa Distribución que leve a cabo unha revisión técnica exhaustiva e inmediata da rede eléctrica, incluíndo o tendido, as subestacións e os centros de transformación que abastecen as zonas afectadas.

A petición municipal inclúe tamén a execución das obras necesarias para reparar, modernizar e mellorar as instalacións co obxectivo de acabar coas interrupcións e recuperar os niveis de calidade e continuidade da subministración establecidos pola normativa.

O escrito presentado polo Concello reclama á compañía distribuidora información concreta sobre o estado actual da rede e sobre as actuacións que ten previsto realizar para solucionar os problemas detectados.

O goberno local defende que tanto os núcleos urbanos como as zonas rurais e industriais deben contar cun servizo eléctrico estable e de calidade. Por iso, reclama a Unión Fenosa Distribución unha resposta rápida e unha solución definitiva para evitar que os cortes continúen afectando ao benestar da veciñanza e á actividade económica do municipio.

0.16644191741943