O Concello de Culleredo reúnese co sector do taxi para abordar a proposta dunha Área de Prestación Conxunta

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, mantivo un primeiro encontro cos taxistas do municipio para analizar a proposta de creación dunha Área de Prestación Conxunta impulsada pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña.
A xuntanza, celebrada no salón de plenos, contou cunha ampla participación de profesionais do sector, que trasladaron a súa preocupación polas posibles consecuencias da medida, especialmente no relativo á calidade do servizo en zonas rurais ou menos poboadas e á falta de claridade sobre o funcionamento do futuro sistema.
Durante o encontro, o rexedor explicou que, unha vez se inicie formalmente o procedemento por parte da Xunta, os concellos disporán dun prazo de tres meses para emitir os seus informes. Nese período, abrirase tamén un proceso de audiencia a entidades profesionais, sindicais, empresariais e de consumidores. Polo momento, indicou, non consta a comunicación oficial do inicio da tramitación.
Rioboo insistiu na necesidade de contar con documentación técnica completa antes de adoptar decisións de calado, ao considerar que a información dispoñible ata o momento resulta “insuficiente” para avaliar o impacto da proposta.
O alcalde, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Cristina Pardo, comprometeuse a manter informados aos taxistas durante todo o proceso e a trasladarlles todas as novidades que vaian chegando desde a administración autonómica. Ademais, anunciou unha próxima reunión coa federación de asociacións veciñais para recoller tamén a súa valoración.
Rioboo reiterou que o obxectivo do Concello será garantir un servizo de calidade para a cidadanía e un marco xusto para os profesionais do taxi no municipio.