O Concello de Culleredo impulsa a súa Axenda Urbana con participación cidadá

ACoruñaXa
Veciños e asociacións son chamados a colaborar na definición das prioridades e accións para un desenvolvemento sostible ata 2030
Casa do Concello de Culleredo
19 Ago 2024

O Concello de Culleredo iniciou a elaboración da súa Axenda Urbana a través da iniciativa ‘CulleredoVivo Vive’, continuando así co traballo desenvolvido na anterior Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) coñecida como CulleredoVivo. Esta nova fase céntrase na creación dun Plan de Acción Integrado (PAI), que establecerá a folla de ruta para o desenvolvemento sostible do municipio e permitirá acceder ao financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O plan busca un crecemento sostible dende as perspectivas ambiental, económica e social, propoñendo accións concretas ata 2030. A participación cidadá será clave neste proceso, xa que se busca un consenso amplo a través de enquisas e xornadas presenciais que permitan ás veciñas e veciños, así como ás asociacións locais, implicarse na definición das prioridades e actuacións a curto, medio e longo prazo.

As enquisas, dispoñibles na web municipal, permitirán valorar a importancia dos 10 obxectivos establecidos pola Axenda Urbana Española, co fin de seleccionar as accións que máis beneficien ao municipio. Ademais, están programadas xornadas presenciais para traballar conxuntamente na formulación do plan e presentar a estratexia a seguir.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou a importancia de contar coa veciñanza na construción do futuro do municipio. "Na construción do Culleredo do futuro é esencial a implicación da veciñanza", subliñou Rioboo, engadindo que o obxectivo é "definir unha folla de ruta coherente e adaptada ás prioridades reais dos cidadáns".

Deste xeito, o goberno local aposta por un modelo de desenvolvemento que combine a mellora e rexeneración do territorio coa conservación dos recursos naturais, valorando tanto os elementos ambientais como patrimoniais. A nova estratexia alinharase con normativas clave como a Axenda Urbana Española e o Pacto Verde Europeo, sendo contrastada con expertos, asociacións e veciños para asegurar que se prioricen as accións que fortalecen a sustentabilidade do municipio.

0.17950677871704