O Concello de Culleredo colaborará na exhumación dos restos de dous guerrilleiros represaliados polo franquismo

ACoruñaXa
O alcalde, José Ramón Rioboo, ofrece o apoio do Concello ás familias unha vez se confirme a identidade dos restos
Casa do Concello de Culleredo
23 Ago 2024

O Concello de Culleredo comprométese a colaborar no proceso de exhumación dos restos mortais de dous guerrilleiros represaliados polo franquismo, cuxos traballos se están a realizar estes días nun cemiterio de Visantoña, en Mesía. O alcalde, José Ramón Rioboo, manifestou a súa disposición para axudar ás familias unha vez se confirme a identidade dos restos.

Aínda que falta a confirmación oficial sobre a orixe dos restos, o goberno local anunciou que, unha vez realizadas as comprobacións pertinentes, facilitará todos os trámites necesarios para que as familias poidan trasladar os restos mortais ao municipio de Culleredo, se así o desexan.

Este proceso esixe a autorización da Comunidade Autónoma e do Concello de Culleredo, de acordo cos Regulamentos de Policía Sanitaria Mortuoria vixentes en Galicia, así como coa normativa local.

O alcalde José Ramón Rioboo subliñou que "tanto por defender a honorabilidade destas persoas como en apoio á Lei de Memoria Democrática, estaremos ao lado das familias para prestarlles apoio nun proceso no que terán que intervir todas as Administracións".

0.18129897117615