O Concello de Culleredo abre o prazo para presentar propostas cidadás para os orzamentos participativos de 2025

ACoruñaXa
O Concello de Culleredo abre o prazo para que a veciñanza presente propostas viables para os orzamentos participativos de 2025, que poderán representar ata un 25% das inversións municipais
Casa do Concello de Culleredo
16 Ago 2024

O Concello de Culleredo acaba de abrir o prazo para que a veciñanza poida presentar propostas cidadás que se integrarán nos orzamentos participativos do ano 2025. Ata o vindeiro 9 de setembro, todos os residentes poderán enviar as súas ideas, sempre que estas aborden cuestións de interese xeral e sexan viables para a súa execución por parte do Concello.

As propostas poden presentarse a través do correo electrónico participa@culleredo.es ou mediante o Rexistro Municipal, indicando o nome e apelidos do proponente, a asociación á que representa (se é o caso), o título da proposta e unha descrición da mesma.

Para participar, os cidadáns deben cumprir certos requisitos establecidos no Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello de Culleredo: ser maior de 18 anos, estar empadroado no municipio dende o 31 de decembro de 2023 e, no caso de asociacións e entidades, estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.

O persoal técnico municipal será o encargado de recoller, avaliar e asesorar sobre as propostas recibidas, tendo en conta que as ideas seleccionadas poderán representar ata un 25% das inversións do orzamento municipal.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, anima a toda a veciñanza a participar, subliñando a importancia de involucrar aos cidadáns, xa que “son os mellores coñecedores das necesidades do día a día” no municipio.

0.16830801963806