O Concello de Coirós pide limitar os usos non imprescindibles da auga ante a situación actual

A situación dos recursos hídricos leva ao Concello a reclamar á veciñanza un uso responsable e racional da auga potable, evitando especialmente aqueles consumos que non sexan imprescindibles. A petición está recollida nun bando municipal no que se solicita a colaboración cidadá para reducir o desperdicio dun recurso esencial e limitado.
Entre os usos que se pide limitar están o rego de xardíns e zonas verdes, o lavado de vehículos e o enchido ou renovación das piscinas particulares. Tamén se recomenda non empregar mangueiras para limpar patios ou beirarrúas e revisar billas e instalacións para detectar posibles fugas.
O Concello incorpora no bando as recomendacións de Augas de Galicia para aforrar auga nos fogares. Entre elas están ducharse no canto de bañarse, pechar a billa cando non se estea utilizando, empregar os programas eco dos electrodomésticos e reutilizar a auga sempre que sexa posible.
O alcalde accidental, Juan Carlos García Barreiro, fai un chamamento á implicación de toda a veciñanza e lembra que pequenos cambios nos hábitos diarios poden contribuír a reducir de maneira significativa o consumo.
A medida busca que o aforro de auga se estenda tanto aos usos domésticos como aos exteriores e que a cidadanía limite durante este período aqueles consumos que poidan ser adiados ou evitados.