O Concello de Cambre reforzará en setembro tres áreas clave con oito novas incorporacións

O Concello de Cambre incorporará durante o mes de setembro oito novos profesionais para reforzar os departamentos de Contratación, Intervención e Servizos Sociais, tres áreas consideradas fundamentais para o funcionamento administrativo e a atención á cidadanía.
O departamento de Contratación contará con dous técnicos de xestión A2, que permitirán incrementar a capacidade para tramitar expedientes e avanzar nos procedementos necesarios para poñer en marcha novas contratacións municipais.
En Intervención incorporaranse outros tres técnicos de xestión A2. O reforzo deste servizo busca mellorar a tramitación dos expedientes relacionados coa xestión económica do Concello e contribuír a axilizar os pagamentos.
Pola súa banda, Servizos Sociais sumará dúas traballadoras sociais e unha educadora social, todas elas do grupo A2. Unha das traballadoras sociais estará vinculada ao programa de integración Lagare, mentres que a outra permitirá reforzar o departamento ante a acumulación de tarefas. A incorporación da educadora social tamén permitirá ampliar a capacidade de atención do servizo.
O Goberno local enmarca estas incorporacións nun proceso para recuperar efectivos en departamentos que arrastran falta de persoal e unha elevada carga de traballo. A alcaldesa, Diana Piñeiro, sinala que a situación afecta á capacidade do Concello para tramitar expedientes, sacar adiante contratos ou atender as necesidades sociais da veciñanza.
Desde o executivo municipal apuntan ademais que estas oito incorporacións son as que están confirmadas actualmente, pero que a intención é continuar reforzando a plantilla nos próximos meses para cubrir as necesidades detectadas nas distintas áreas.