O Concello de Betanzos denuncia o atraso da Xunta nas melloras do pavillón do Vales Villamarín
O Concello de Betanzos esixe á Consellería de Educación a execución urxente das obras de mellora da cuberta do pavillón do Vales Villamarín ante as constantes filtracións de auga das choivas que imposibilitan o uso das instalacións como xa denunciou o goberno local en novembro do pasado ano.
A alcaldesa, María Barral indicou que algunhas das actividades previstas xa non se podían impartir antes de Nadal e agora menos, xa que a situación foi a peor ante as constantes pingueiras non nunha zona determinada, senón en varias zonas, ocupando unha boa superficie, que fai impracticable calquera disciplina deportiva. “Xa llo trasladamos á Xunta. Non é un problema de mantemento, nin de falta de mantemento, é un problema de desgaste que, para resolvelo, é necesario acometer, ou un cambio da cuberta do polideportivo ou instalar unha sobrecuberta como parece que é a intención, pero xa non podemos seguir vivindo de intencións, senón de feitos reais” indicou a primeira edil.
A situación non só afecta o desenvolvemento das clases de educación física ou outras especialidades deportivas senón tamén á actividade de clubs da cidade que utilizan as instalacións.“Temos vontade de colaborar coa Xunta, pero é a ela a quen lle corresponde destinar dunha vez por todas os recursos económicos necesarios para abordar as obras non só no pavillón senón no colexio”, afirma Barral.
En pleno aprobouse unha moción presentada polo grupo municipal socialista, grupo de goberno, na que se instaba á Xunta a programar as actuacións que levan reclamando desde Betanzos, tanto por parte do Concello como da comunidade educativa.
Barral explicou que a deixadez de funcións da Xunta en materia educativa e os recortes levaron a que os concellos, e o de Betanzos non é unha excepción, a asumir “funcións que non lle corresponden”. Neste sentido, apuntou os servizos de comedor e mañanceiros aos que se apuntaron máis da metade do alumnado do colexio, máis de 500 nenos e nenas, para o que, ante a falta de “espazos ao non habilitar nin ampliar a Xunta a zona de comedor correspondente, houbo que facer quendas” co fin de que todos os escolares poidan gozar deste servizo.