O Concello de Arteixo pide á Deputación un convenio para facer a segunda residencia pública de maiores

ACoruñaXa
O goberno municipal solicita o ente provincial que o inclúa no programa de construción dunha rede de residencias públicas que vai implantar centros en As Pontes, Ordes e Rianxo
Imaxe recurso do coidado de persoas maiores
Imaxe recurso do coidado de persoas maiores
26 feb 2024

O goberno municipal de Arteixo presentará no pleno deste xoves unha proposta a Deputación da Coruña para construír unha nova residencia de maiores pública. A proposta pasa por acollerse o proxecto que presentou a Deputación da posta en funcionamento dunha rede de residencias provincial. Concretamente a Deputación anunciou a construción e posta en funcionamento de tres residencias para maiores en As Pontes, Ordes e Rianxo.

O proxecto busca acadar un convenio de cooperación entre a Deputación provincial da Coruña e o concello de Arteixo para a redacción dun proxecto básico de construción dun centro residencial de maiores.

Dendo o Concello de Arteixo sinalan que a Deputación da Coruña "ten a sorte de dispor dunha forte capacidade de inversión, (o maior orzamento de todas as deputacións de Galicia). Esta inversión debe ser utilizada prioritariamente para dar mellor calidade de vida a toda a veciñanza da provincia da Coruña". Ademais na súa oferta de servizos, debe antepoñerse o benestar dos maiores. O goberno da Deputación da Coruña (PSOE-BNG) debe atender estas necesidades en todos os concellos da provincia.

O Concello de Arteixo, impulsou a creación dunha residencia de maiores solicitándolle á Fundación Amancio Ortega a súa colaboración; agradecéndolle o seu inmenso apoio na construción deste proxecto: unha residencia de maiores de 64 prazas no noso concello. Desas 64 prazas, 32 faise cargo o propio concello de Arteixo, cun coste aproximado de máis de 600.000 euros ao ano.