O Concello da Coruña reclama á Xunta un plan de rehabilitación para modernizar os colexios públicos da cidade

O Concello da Coruña instou este luns á Xunta de Galicia a impulsar un plan de investimento e rehabilitación para os colexios públicos da cidade, co obxectivo de afrontar as necesidades estruturais que presentan numerosos centros educativos.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, entregou ao delegado territorial de Educación un informe elaborado polo Concello no que se recollen as principais carencias detectadas nos centros públicos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial da cidade.
Segundo explicou Borrego, o documento pretende evidenciar a necesidade de que a Administración autonómica asuma as actuacións que lle corresponden en materia de infraestruturas educativas. “Nós facemos todo o que está ao noso alcance e mesmo máis cos recursos limitados que temos. Mais necesitamos que a Xunta faga o seu traballo. Que asuma as competencias que son súas. Trátase da educación dos nosos fillos e fillas”, afirmou.
O Goberno local solicita a elaboración e execución dun Plan de Rehabilitación Integral dos Colexios que permita actuar nos 29 centros públicos de primaria da cidade —28 CEIP e o CEE Nosa Señora do Rosario—, moitos deles cunha antigüidade media de arredor de 50 anos.
Entre os exemplos expostos figura o CEIP Curros Enríquez, un edificio construído na década de 1930 que, segundo indicou o concelleiro, presenta importantes problemas de accesibilidade. “É só un dos exemplos das decenas de obras e investimentos das que necesitamos con urxencia que a Xunta se faga cargo. En definitiva, que fagan o seu traballo. O Concello só non pode facer fronte a todo”, sinalou.
Borrego tamén lamentou que, entre as máis de 300 actuacións anunciadas pola Xunta para este verán en centros educativos, apenas haxa intervencións nos colexios de primaria da Coruña. Segundo indicou, a substitución da cuberta do CEIP Sal Lence é a principal obra prevista, mentres que o resto corresponden a actuacións de menor entidade que considera insuficientes para responder ás necesidades actuais.
Co obxectivo de mellorar a coordinación entre administracións, o Concello propuxo á Xunta establecer reunións periódicas para facer seguimento do estado dos centros e trasladar de forma continua as necesidades detectadas.
“O Concello ten un coñecemento máis exhaustivo do estado de todos e cada un destes centros porque é a institución que está en contacto directo e continuo cos veciños. Por iso ofrecémonos a traballar coa Xunta tendo reunións periódicas para localizar e atallar de raíz os problemas que se están acumulando. As competencias de cada Administración son claras. Só queremos que sexan tamén efectivas”, destacou Borrego.
O informe presentado tamén recolle as actuacións que o Concello está a executar con recursos propios. Entre elas figuran a reforma do patio e a mellora da accesibilidade do CEIP María Pita, a renaturalización do patio do CEIP María Barbeito, a adecuación do patio do CEIP Nosa Señora do Rosario, a reforma do polideportivo do CEIP Ramón de la Sagra, a renovación do parque infantil do CEIP Concepción Arenal, a construción da rampla de acceso do CEIP Cidade Vella e a última fase da rehabilitación da fachada do CEIP Raquel Camacho.
Segundo os datos facilitados polo Goberno local, este ano destínanse 1.749.677 euros a investimentos nos centros educativos e 2.713.000 euros ao plan anual de mantemento. Ademais, durante o verán está prevista a execución de 45 intervencións en 22 colexios para reparar diferentes desperfectos.
Con todo, o executivo municipal insiste en que estas actuacións non poden substituír os investimentos estruturais que corresponden á Xunta. “Non obstante, as accións de mantemento non poden substuír as obras de mellora e rehabilitación que lle correspondan á Xunta. O Concello non dispón de fondos públicos suficientes para completar as grandes actuacións necesarias”, remarcou Borrego.
O informe inclúe unha relación detallada das actuacións pendentes en cada centro, acompañada de material gráfico sobre o estado dalgunhas instalacións. “Isto non pode esperar máis tempo. Os nenos e nenas desta cidade teñen dereito a recibir unha ensinanza en condicións dignas. É preciso destinar fondos públicos á educación infantil e primaria pública e gratuíta. Non hai escusas. Están esquecendo os colexios. Hai obras previstas en IES que non son tan necesarias como a rehabilitación dalguns colexios”, concluíu o concelleiro.