O Concello da Coruña programa catro excursións culturais para maiores de 55 anos

O Concello da Coruña organiza unha nova edición das excursións culturais promovidas a través da rede municipal de centros cívicos e dirixidas a persoas maiores de 55 anos. A programación contempla catro saídas durante o mes de outubro, con dous itinerarios diferentes: un que percorrerá Mondariz-Balneario, Ponteareas e Vigo e outro que terá como destinos Vilalba e Lugo.
En total, o programa contará con 20 autobuses de 54 prazas, o que permitirá ofrecer ata 1.080 prazas. Nalgúns casos, dous centros cívicos compartirán vehículo, polo que cada un deles contará con 27 prazas.
As excursións serán gratuítas e as visitas ás localidades realizaranse de maneira libre. O xantar non estará incluído, polo que cada participante deberá asumir o seu custo. Segundo o percorrido escollido, a comida terá lugar en Vigo ou en Lugo.
A inscrición deberá realizarse na conserxaría do centro cívico correspondente, dentro do seu horario habitual de apertura. Cada persoa poderá reservar un máximo de dúas prazas e terá que presentar o DNI para acreditar que ten máis de 55 anos. A persoa que a acompañe, pola súa banda, non terá que cumprir este requisito de idade.
A iniciativa forma parte da programación impulsada polo Goberno local para ofrecer actividades de lecer e participación a través da rede de centros cívicos. A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou que estas saídas permiten combinar o coñecemento doutros lugares coa convivencia entre as persoas usuarias dos centros.
"Estas saídas son unha oportunidade para coñecer outros lugares e pasar o día en compañía. Queremos que as persoas que participan na vida dos centros cívicos tamén poidan compartir actividades fóra deles", sinalou.
Os autobuses partirán ás 09.30 horas desde as paradas asignadas a cada centro cívico, mentres que o regreso á Coruña está previsto a partir das 19.30 horas. A información concreta sobre os puntos de saída estará dispoñible nos propios centros.
A primeira excursión será o mércores 21 de outubro, con destino a Mondariz-Balneario, Ponteareas e Vigo. Nesta xornada participarán os centros de Castrillón, Elviña, Monelos, Os Mallos e Labañou. O prazo de inscrición estará aberto do 5 ao 15 de outubro.
O xoves 22 de outubro será a quenda da ruta por Vilalba e Lugo, destinada aos centros de Eirís, Cidade Vella, Palavea, Artesáns e Feáns. As solicitudes poderán formalizarse entre o 6 e o 16 de outubro.
A segunda saída cara a Mondariz-Balneario, Ponteareas e Vigo terá lugar o mércores 28 de outubro e contará coa participación dos centros de Novoboandanza, Os Rosales, San Diego, Monte Alto e Mesoiro. Neste caso, as inscricións realizaranse do 13 ao 22 de outubro.
Finalmente, o xoves 29 de outubro repetirase o percorrido por Vilalba e Lugo para as persoas usuarias dos centros da Sagrada Familia, O Birloque, A Silva, Pescadores, San Pedro de Visma, Castro de Elviña, Santa Lucía e Santa Margarida. O prazo para anotarse será do 14 ao 23 de outubro.