O Concello da Coruña pon marcha un programa de atención á soidade non desexada
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe as liñas xerais do Programa Municipal Experimental de Atención e Inclusión Social da Soidade non Desexada. Rey, que estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa, explicou que a actuación enmárcase dentro do Plan de Saúde Mental que ten en marcha o Concello e que busca facer fronte desde o ámbito municipal a un dos grandes problemas que afectan unha crecente porcentaxe da sociedade. "Unha vez máis o Concello irá máis alá das súas competencias para atender a un amplo porcentaxe da poboación, de todas as idades, que padece un problema cada vez máis expandido", indicou Rey,
O novo plan está deseñado para atender a todos os sectores da poboación afectados pola soidade non desexada, persoas maiores, mais tamén persoas mozas, persoas con discapacidade, persoas en situación de desemprego e outros colectivos que segundo os estudos padecen ese tipo de situación.
Segundo o Barómetro da Soidade non Desexada en Galicia, indicou a alcaldesa, o 19,8% da poboación afirma sentirse nesa situación, sendo do 20% a poboación maior e o 35,5% da xuventude a que se cataloga nese ámbito. Dos maiores que viven sos en Galicia, o 46,7% revelan o seu malestar por esa situación.
No ámbito nacional, explicou Rey, máis dunha cuarta parte da poboación entre 16 e 29 anos afirman sentirse sos, porcentaxe que se eleva nos casos de persoas que están en situación de desemprego, discriminación ou discapacidade.
Para facer un diagnóstico preciso da situación na Coruña e para poder atender cos medios necesarios a esa poboación o Concello actuará coa implantación do novo plan que empezará a funcionar en tres fases. A primeira delas, que arrinca este mesmo mes, ten como fin a detección de situacións de illamento social e soidade. Un diagnóstico xeral da cidade que se estenderá ata setembro do ano 2025. En xuño dese mesmo ano comezará xa a segunda fase, na que se elaborarán os proxectos de intervención cos datos obtidos, que deberán estar rematados en decembro do 2026. A execución de deses plans porase en marcha desde o ano 2026 en diante.
O plan, cunha duración inicial de tres anos, ten un orzamento total de 3,4 millóns de euros, dos cales 277.000 investiranse este mesmo para a contratación dos primeiros equipos. Un total de 26 técnicos, entre traballadores sociais, educadores sociais, auxiliares de atención cidadá e técnicos de administración, serán os encargados dos traballos.
"Damos un paso moi importante e sen precedentes neste Concello para poder facer fronte a un problema que afecta a moitos cidadáns e cidadás, oxalá a Xunta atendera desde as súas competencias en materia sanitaria estas situacións, mais no o fai e por iso, como en tantos outros ámbitos, o Concello actuará para mellorar a calidade de vida nesta cidade", indicou Rey.