O Concello da Coruña lanza unha campaña no ocio nocturno para reforzar a convivencia entre hostalería e veciñanza

O Concello da Coruña puxo en marcha unha campaña de concienciación vinculada ao ocio nocturno co obxectivo de promover normas básicas de convivencia e reducir conflitos entre a actividade hostaleira e o descanso da veciñanza. A alcaldesa, Inés Rey, presentou este mércores a iniciativa acompañada por representantes do sector e do movemento veciñal.
Baixo o lema ‘Este é o teu sinal’, a campaña aposta por unha comunicación moi visual, baseada en diferentes ‘sinais’ que lembran tres condutas clave: evitar o ruído na rúa fóra dos establecementos, non saír ao exterior con bebidas alcohólicas e non ouriñar en espazos públicos.
Segundo explicou Rey, a acción nace do traballo iniciado en marzo de 2025, cando o Concello constituíu unha mesa para mellorar a convivencia arredor do ocio nocturno. Desas reunións xurdiu tamén unha mesa técnica centrada en avanzar en materia normativa, co propósito de dar seguridade xurídica á hostalería e garantir, ao mesmo tempo, o dereito ao descanso. O proceso xa incorporou achegas das partes implicadas e o Concello traballa agora nunha proposta que será trasladada proximamente ao sector.
Para facilitar a implantación da campaña, o Concello entregou materiais que os locais poderán empregar no día a día, como pousavasos, carteis, adhesivos, cubos, bolsas e vinilos. Ademais, nas vindeiras semanas desenvolveranse accións informativas a pé de rúa durante a noite e instalaranse vinilos e cubos nas principais zonas de ocio nocturno para aumentar a visibilidade da mensaxe.
A alcaldesa enmarcou o lanzamento da campaña nas semanas previas ao Entroido e apelou a gozar das celebracións con responsabilidade e respecto pola cidade, a veciñanza e o persoal hostaleiro. No acto participaron tamén o presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería, Héctor Cañete, e a presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña, Luisa Varela.