O Concello da Coruña este venres o reparto de caixas para observar con seguridade a eclipse do 12 de agosto

O Concello da Coruña iniciará este venres, 24 de xullo, a distribución de caixas automontables para observar con seguridade a eclipse total de Sol do vindeiro 12 de agosto. A iniciativa está dirixida ás familias con menores de 10 anos que participen nas sesións infantís do Planetario da Casa das Ciencias, programadas ás 11.30 e ás 17.00 horas.
As caixas permitirán construír na casa un sistema de observación indirecta do Sol mediante proxección, evitando así mirar directamente ao astro durante o fenómeno. A proposta desenvólvese en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
A cidade vivirá o 12 de agosto un acontecemento astronómico excepcional que non volverá repetirse desde A Coruña ata o ano 2180. A eclipse comezará ás 19.30.50 horas, alcanzará a fase de totalidade ás 20.27.35, cunha duración de pouco máis dun minuto, e finalizará ás 21.21.54 horas.
O Concello lembra que, agás durante ese breve período de totalidade, non se debe mirar directamente ao Sol debido ao risco de sufrir lesións oculares permanentes. Por este motivo, recomenda utilizar lentes específicas para eclipses ou recorrer a métodos indirectos de observación, como as caixas estenopeicas ou a visualización mediante retransmisións por internet.
Os servizos municipais fan especial fincapé na protección da infancia, xa que os ollos das nenas e dos nenos son máis sensibles á radiación solar. Ademais, sinalan que as lentes para eclipses poden non adaptarse correctamente aos menores de menor idade, polo que non se recomenda que as utilicen sen a supervisión dunha persoa adulta.
Ademais do modelo que se entregará nas sesións do Planetario, existen outros tipos de caixas estenopeicas. Os Museos Científicos Coruñeses ofrecen na súa canle oficial de YouTube explicacións para construír diferentes modelos deste sistema de observación.
O Concello lembra tamén que, a través da rede municipal de Museos Científicos Coruñeses, mantén dispoñible na súa páxina web información específica sobre a eclipse e as recomendacións para observala con seguridade.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que “Queremos que todos os coruñeses e coruñesas poidan gozar do espectáculo único da eclipse do 12 de agosto con total seguridade e nas mellores condicións, por iso o Concello leva meses organizando actividades formativas sobre a eclipse, e por iso temos organizado un dispositivo especial para esa xornada así como aplicacións que permiten a todos os cidadáns atopar os mellores puntos de observación en cada barrio”.