O Concello da Coruña entrega no Papagaio os premios do III Encontro Emprendedores Coruña

ACoruñaXa
Os proxectos La Tribu Verde e Multiplicada Taller Gráfico foron recoñecidos nesta xornada
premios-papagaio-emprendemento-coruna
29 Nov 2026

O Concello celebrou onte a terceira edición do Encontro Emprendemento Coruña 2026, unha iniciativa concibida para impulsar a actividade emprendedora e favorecer a conexión entre as persoas que poñen en marcha novos proxectos empresariais e as entidades que as acompañan e asesoran. O encontro celebrouse no Centro Municipal de Empresas ACCEDE Papagaio, reforzando o papel dos centros municipais de empresas como espazos de referencia para o emprendemento na cidade. Ademais, o concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego, entregou os premios que recoñeceron os proxectos La Tribu Verde e Multiplicada Taller Gráfico como proxecto máis innovador e mellor proxecto de economía social, respectivamente. El Galeón de la ría e Ruta N-VI obtiveron o primeiro e segundo premio aos mellores proxectos de impacto local, respectivamente.

O encontro busca converterse nun escaparate do talento emprendedor coruñés, dándolles visibilidade a empresas de recente creación e achegándolle á cidadanía os produtos, servizos e iniciativas que están a xurdir na cidade. Ao mesmo tempo, serve para dar a coñecer os recursos dispoñibles para poñer en marcha novas ideas empresariais e para favorecer a relación entre o Concello e as entidades que traballan no apoio ao emprendemento.

A programación combinou a exposición de proxectos emprendedores con charlas inspiradoras, unha mesa redonda sobre temas de interese para o emprendemento, así como unha actividade de networking destinada a fomentar o intercambio de experiencias.

"O Concello quere estar ao lado de todos aqueles que, con valentía, se lanzan a perseguir os seus sonos nun mercado que non é fácil. Pero os coruñeses saben premiar o local e a importancia de soster o tecido empresarial autóctono", subliñou Juan Ignacio Borrego.

Con esta iniciativa, búscase visibilizar o talento emprendedor local, facilitar novas oportunidades de colaboración e contribuír a consolidar unha rede de apoio ao emprendemento, entendendo a creación e de empresas como instrumentos para a promoción económica e o emprego na Coruña.

0.5752329826355