O Concello da Coruña da luz verde á Oferta Pública de Emprego con 56 prazas en diferentes servizos
Este mércores celebrouse a sesión ordinaria no Pazo de María Pita da xunta do Goberno Local, na que se aprobou a Oferta Pública de Emprego (OPE) do Concello da Coruña para este ano 2024. O acto estivo presidido pola alcaldesa da cidade, Inés Rey.
Neste sentido a Oferta Pública de Emprego prevista neste 2024 contempla un total de 56 prazas, das que 29 son de acceso libre, outras 21 corresponden á quenda de promoción interna e, ademais, inclúense 6 postos da categoría de Policía que se cubrirán pola quenda de mobilidade. A grandes rasgos, a relación de postos de traballo inclúe prazas de Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, administrativo, auxiliar administrativo, enxeñeiro agrícola e técnicos auxiliares en audiovisual, biblioteca e delineación, entre outras.
“Un dos aspectos destacados desta OPE é que máis dun 40 % das prazas previstas están destinadas aos servizos municipais de seguridade e emerxencias, ben sexa a Policía Local, os Bombeiros ou Protección Civil”, destacou Inés Rey. Por outra banda, das 56 prazas totais tamén se estipula un 35 % para postos de administrativo e auxiliar administrativo. Haberá, ademais, catro prazas reservadas a persoas con discapacidade. Todas elas, de quenda libre.
Compromiso co emprego público
Esta mañá, Inés Rey lembrou que no pasado mandato convocáronse 557 prazas de emprego público nas distintas OPE, fronte ás 84 do mandato 2011-2015 e as 192 do mandato da 2015-2019. “Agora, neste primeiro ano do mandato 2023-2027, convocamos máis de medio cento de prazas, 56”, recalcou.
“Desta forma, seguimos reforzando o noso compromiso coa mellora dos servizos municipais, así como co emprego público”, incidiu a rexedora.