O Concello aproba a recuperación dos baixos do baluarte do Parrote na Coruña

ACoruñaXa
A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de licenza ao Club Cámara Noroeste con vistas a recuperar os locais do baluarte do Parrote, que, previsiblemente, acollerán a sede do club e tamén terán usos hostaleiros
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
15 Maio 2024

A Xunta do Goberno local da Coruña fixo hoxe balance das licenzas resoltas no período entre os días 2 e 9 de maio, con 134 expedientes notificados, dos que 11 foron licenzas urbanísticas e 83 foron obras en réxime de comunicado.

Como expediente particular destaca a licenza que permitirá a construción dun edificio de 66 vivendas, rochos, locais comerciais e garaxes no número 22 da rúa Montevideo, na confluencia entre a rúa Alcalde Pérez Ardá e a rolda de Outeiro. A promotora ten previsto levar a cabo un investimento de 8,6 millóns de euros nos traballos.

Tamén cómpre destacar, por outra banda, a licenza que habilitará o Club Cámara Noroeste a explotar os locais que hai no baluarte do Parrote, coa finalidade de acoller a sede do club e tamén con vistas ao desenvolvemento de proxectos de hostalería. A Cámara da Coruña estima en dous millóns de euros o orzamento de execución necesario para financiar as melloras nos locais e os seus exteriores.

“Desta forma, facilitamos a recuperación dun espazo situado nun enclave emblemático da cidade, e que actualmente estaba carente de uso en terreos da Autoridade Portuaria”, explicou o voceiro muncipal e concelleiro de Urbanismo Lage Tuñas.

0.11535000801086