O compromiso co galego leva o recoñecemento dos Premios Rosalía de Castro a Callón, CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G

A defensa e a normalización do galego volven estar no centro dos Premios Rosalía de Castro de Lingua, que este ano chegan á súa XVII edición co recoñecemento a Carlos Callón, á Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), a A Gramola Gominola e a Vitamina G. A Deputación da Coruña, a través da súa Área de Lingua, distingue así traxectorias e iniciativas que contribúen a fortalecer a presenza social do idioma.
O certame contou este ano con 31 candidaturas presentadas, das que finalmente foron avaliadas 27. Cada unha das categorías está dotada con 5.000 euros e busca poñer en valor o traballo de persoas, colectivos e proxectos que manteñen un compromiso activo co futuro do galego, especialmente entre as novas xeracións.
Na categoría de persoa máis destacada na promoción da lingua galega, o galardón foi para Carlos Callón. O xurado puxo en valor a súa traxectoria como unha das voces de referencia na defensa dos dereitos lingüísticos, así como o seu labor no ámbito do libro galego e da divulgación arredor da lingua. Tamén se destacou a importancia das súas publicacións como ferramentas para abrir debate, mellorar o uso escrito e oral do idioma e impulsar a súa normalización.
A CTNL recibiu o premio na categoría de entidade máis destacada na promoción do galego. O xurado recoñeceu os seus trinta anos de percorrido e o seu papel como organización de referencia no desenvolvemento, coordinación e mellora das políticas de normalización lingüística en Galicia.
O premio ao mellor proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia e á mocidade foi concedido de maneira compartida a A Gramola Gominola e Vitamina G. No primeiro caso, valorouse unha traxectoria de máis dunha década achegando o galego ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos con materiais didácticos.
No caso de Vitamina G, impulsado pola profesora Mariña Lema, o xurado destacou a forza dunha iniciativa nacida nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto moi desgaleguizado e con alumnado de realidades lingüísticas diversas. A proposta foi recoñecida polo seu valor como ferramenta de cohesión social e pola súa capacidade para aplicarse noutros espazos con características semellantes.
O xurado estivo presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra Tuñas, e contou como vogais con Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. A secretaría correspondeu a Dores Sánchez Alegre, xefa da Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.