O comercio local de Sada lévase todos os premios do concurso de escaparates de Samaín.

Os escaparates de Librería López, Panadería A de Pedro e Miluzzette foron os máis destacados da sexta edición do Concurso de Escaparates de Samaín de Sada. Os tres establecementos conseguiron os premios desta convocatoria, promovida polo Concello para fomentar a actividade comercial e animar as rúas do municipio durante estas datas.
O primeiro premio, dotado con 200 euros, foi para Librería López. A Panadería A de Pedro acadou o segundo posto, cunha recompensa de 150 euros, mentres que Miluzzette recibiu o terceiro premio, de 100 euros. O xurado estivo presidido por Irene Ventura, presidenta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sada (ACESADA), e deliberou o pasado 3 de novembro.
Os tres negocios forman parte de ACESADA, que destacou o resultado como un recoñecemento á creatividade e á implicación dos comercios locais. A asociación tamén felicitou a todos os establecementos que participaron no certame e puxo en valor a súa contribución á dinamización económica e social de Sada.