O comercio local de Arteixo convértese en escaparate do consumo sostible

Arteixo foi o punto de partida da campaña autonómica 'Comercio Compensa', unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca fomentar o consumo local, responsable e sostible. A presentación celebrouse coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente e baixo o lema 'Transformar o consumo para coidar o planeta'.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no lanzamento da campaña, que contou coa colaboración do Centro Comercial Aberto e do Concello de Arteixo. A previsión da Xunta é levar esta iniciativa a un total de 60 localidades galegas entre este ano e o vindeiro.
A campaña pon o foco na importancia de mercar nos establecementos de proximidade e apostar por produtos locais, reducindo ao mesmo tempo o impacto ambiental dos hábitos de consumo. Entre as mensaxes que promove figuran consumir de maneira máis consciente, alongar a vida útil dos produtos, reducir envases innecesarios e empregar bolsas reutilizables.
Durante a xornada instalouse en Arteixo un punto informativo no que as persoas que se achegaron cun tícket de compra dun establecemento comercial do municipio recibiron como agasallo unha bolsa de tea coa imaxe da campaña.
Con esta acción, a Xunta pretende reforzar o papel do comercio de proximidade como parte dun modelo de consumo máis equilibrado, que contribúe á economía local e tamén ao coidado da contorna.