O comercio de Sada celebra o Samaín cun concurso infantil de debuxo e un xogo de pistas

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sada (ACESADA) puxo en marcha unha campaña especial polo Samaín para dinamizar o comercio local e achegar esta celebración aos máis pequenos. A iniciativa, que se desenvolve do 19 ao 28 de outubro coa colaboración do colexio Sada y sus Contornos, combina un concurso de debuxo infantil, un xogo de pistas polos establecementos asociados e a recuperación de tradicións populares.
O principal atractivo da programación é o concurso de debuxo 'A Castaña Terrorífica', dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, que se dividirán en dúas categorías de idade. Os participantes deberán decorar unha lámina oficial facilitada pola asociación mediante técnicas libres, como lapis, ceras ou pinturas.
As obras deberán entregarse antes do 28 de outubro ás 20.00 horas nos establecementos Slowgrans ou Val Casa Decó. Un xurado dará a coñecer o nome dos dous gañadores o día 29, mentres que a entrega dos premios terá lugar o 30 de outubro, coincidindo coas actividades de Samaín organizadas polo Concello de Sada.
A campaña complétase cun percorrido de pistas polos comercios asociados, no que os participantes máis novos deberán resolver un enigma. A proposta busca fomentar a participación das familias e animar a veciñanza a coñecer os negocios da localidade.
ACESADA tamén quere poñer en valor os costumes tradicionais vinculados a estas datas, polo que anima os participantes a acudir co clásico colar de zonchos, elaborado con castañas. Levar este elemento será un requisito imprescindible para que os dous gañadores poidan recoller os seus premios.
Unha vez rematado o concurso, as láminas presentadas permanecerán expostas ao público durante a semana seguinte nos escaparates e nos espazos colaboradores, para que a veciñanza poida contemplar os traballos realizados polos nenos e nenas.