O comercio de Arteixo repartirá 3.650 euros en premios no XXII Concurso de Escaparates de Nadal

ACoruñaXa
Os establecementos interesados poderán inscribirse entre o 1 e o 14 de decembro, e as decoracións deberán permanecer instaladas, como mínimo, do 5 de decembro ao 6 de xaneiro
A CORUÑA escaparate nadal
Gañadores edición anterior
26 Nov 2026

O Concello de Arteixo convoca unha nova edición do seu Concurso de Escaparates de Nadal, que chega este ano á súa vixésimo segunda edición co obxectivo de impulsar o comercio local e contribuír a crear ambiente festivo nas rúas durante as festas. A iniciativa está dirixida aos pequenos comercios, negocios de servizos persoais e establecementos hostaleiros do municipio.

A participación é gratuíta e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto do 1 ao 14 de decembro, ambos os días incluídos. As persoas interesadas deberán entregar o formulario de inscrición no Rexistro municipal ou a través da sede electrónica do Concello.

Un dos requisitos para participar é que os escaparates estean decorados con motivos do Nadal durante un período mínimo comprendido entre o 5 de decembro de 2026 e o 6 de xaneiro de 2027, ambas as datas incluídas.

Cinco premios e unha votación popular

O certame repartirá un total de 3.650 euros en cinco premios. O escaparate gañador recibirá 1.000 euros, mentres que o segundo clasificado obterá 800 euros e o terceiro, 500 euros. Ademais, concederase un accésit á orixinalidade de 450 euros e un premio de 900 euros decidido mediante votación popular.

O xurado profesional valorará a imaxe comercial e a presentación dos produtos, a creatividade da decoración, o impacto visual e a iluminación, con ata catro puntos por cada criterio. Estará integrado por dúas persoas representantes do ámbito comercial e artístico especializadas en escaparatismo e merchandising, ademais dun técnico ou técnica do Departamento de Promoción Económica municipal, que exercerá como secretario ou secretaria.

As decoracións serán examinadas o 16 de decembro, entre as 18.00 e as 21.00 horas, e nos días sucesivos se fose necesario.

Pola súa banda, a votación popular realizarase a través da web municipal, unha vez publicada a relación de establecementos admitidos, prevista inicialmente para o 15 de decembro. Cada persoa poderá votar por un único escaparate, cun voto por enderezo IP. O prazo rematará ás 23.59 horas do 21 de decembro.

Os premios das modalidades profesional e de orixinalidade serán determinados polo xurado, mentres que o galardón popular corresponderá ao establecemento que consiga máis votos. Un mesmo negocio non poderá recibir máis dun premio. Os resultados publicaranse na páxina web municipal.

 

0.18867516517639