O Club de Remo Olímpico do Mandeo súmase á folga xeral e suspende os adestramentos

ACoruñaXa
A entidade apoia o paro do 11 de novembro para reivindicar o dereito a unha vivenda digna e denunciar a falta dun espazo estable para desenvolver a súa actividade deportiva
BERGONDO club remo mandeo (7)
11 Nov 2026

O Club de Remo Olímpico do Mandeo anunciou a súa adhesión á folga xeral convocada para este mércores 11 de novembro, unha xornada na que suspenderá os adestramentos. A entidade apoia a mobilización polo dereito a unha vivenda digna e aproveita para visibilizar as dificultades que leva anos afrontando pola falta dun espazo propio e dunhas instalacións adecuadas.

A situación do club é delicada na actualidade, xa que tivo que afrontar varios traslados. A entidade atópase ante a súa segunda mudanza. A primeira sede parecía unha solución prometedora, pero apenas dous anos despois tivo que abandonala. Grazas á axuda dun veciño de O Pedrido, o club conseguiu daquela non quedar sen un lugar onde continuar coa súa actividade.

A súa seguinte localización tampouco ofrecía unhas condicións adecuadas. Os integrantes tiveron que acondicionar un terreo, limpalo e nivelalo para poder utilizalo, pero carecían dunha cuberta para protexer as embarcacións. Para resgardalas instalaron un toldo que, tras dous anos soportando o inverno e os temporais, acabou deteriorándose. Posteriormente colocaron outro máis resistente e reforzado, aínda que agora vense obrigados a marchar de novo e descoñecen onde poderán establecerse.

Esta incerteza ameaza a continuidade dun proxecto deportivo que naceu a finais de 2015 coa intención de recuperar o remo olímpico en Bergondo e achegalo á mocidade da comarca. Nestes dez anos, o club formou varias xeracións de deportistas e superou as 20 medallas en Campionatos de España, ademais de conseguir que seis dos seus remeiros fosen convocados coa selección nacional. A súa canteira chegou a reunir 34 mozos nos primeiros anos e actualmente a entidade conta con preto de 60 socios.

O problema das instalacións non é novo. En novembro de 2025, o club puxo en marcha unha campaña de micromecenado para acondicionar a súa base provisional en O Pedrido e garantir a continuidade da canteira. Tamén tivo que renunciar a organizar a regata prevista para o 1 de novembro daquel ano debido á necesidade de atopar unha nova localización. En abril de 2026, os seus representantes trasladaron á Xunta a necesidade de contar cunha instalación de apoio para os deportistas que adestran na ría de Betanzos. A Administración autonómica comprometeuse daquela a estudar a proposta.

O club explica que esta precariedade xera incerteza sobre onde gardar o material, onde adestrar e como garantir a continuidade da súa actividade deportiva. Non se trata unicamente de atopar un lugar para as embarcacións: a entidade dispón de arredor de vinte barcos, cun valor conxunto superior aos 200.000 euros, cuxo almacenamento e conservación requiren unhas condicións adecuadas.

Unha situación que relaciona coas dificultades que afrontan miles de persoas para acceder a unha vivenda. 'Sen un acceso real e garantido a unha vivenda digna, é absolutamente imposible construír un proxecto de vida, asentarse ou mirar cara ao futuro con estabilidade', sinala a entidade, que establece un paralelismo entre o dereito a dispoñer dun fogar e a necesidade de que os deportistas conten cun lugar digno onde desenvolver a súa actividade.

O C.R.O. Mandeo defende que ter un fogar non é un luxo, senón un dereito fundamental. 'Este 11N, pola dignidade, polo dereito á vivenda e polo futuro dos nosos veciños e veciñas, o remo do Mandeo plántase', conclúe o comunicado.

0.17767310142517