O Club de Regatas Perillo recibirá unha axuda de máis de 16.000 euros para organización das Bandeiras Concello de Oleiros de traiñeiras

ACoruñaXa
A achega municipal permitirá ao Club de Regatas Perillo asumir os premios e os gastos vinculados ás probas da Liga Galega que se disputarán este sábado en Perillo
club-regatas-perillo
21 Jul 2026

O Concello de Oleiros aprobou unha subvención de 16.610 euros destinada ao Club de Regatas Perillo para colaborar na organización da XI Bandeira Concello de Oleiros feminina e da XXV Bandeira Concello de Oleiros masculina, dúas competicións integradas na Liga Galega de Traiñeiras.

As probas celebraranse este sábado 25 de xullo en Perillo e contarán coa participación das dúas tripulacións locais, ademais doutros 13 equipos das categorías feminina e masculina.

A competición masculina dará comezo ás 15:30 horas, mentres que a regata feminina arrancará ás 16:30 horas. As persoas que queiran seguir a proba desde terra poderán facelo desde o miradoiro do Parque Rafael Astor, en Nirvana. Ademais, a cita deportiva será retransmitida en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia.

O Club de Regatas Perillo chega a esta cita tras unha tempada destacada nas dúas categorías. O equipo feminino gañou todas as regatas disputadas ata o momento e encabeza a clasificación da Liga Galega, mentres que a tripulación masculina conseguiu unha vitoria e ocupa actualmente a segunda posición na categoría B.

A achega económica do Concello permitirá ao club cubrir a totalidade dos premios destinados aos equipos participantes, así como facer fronte aos gastos derivados da organización destas dúas competicións deportivas.

0.1385350227356