O CITEEC da UDC financiará cinco proxectos de investigación sobre enerxía eólica, medio mariño e infraestruturas

ACoruñaXa
A primeira convocatoria interna do centro apoiará iniciativas lideradas por persoal investigador emerxente cun máximo de 10.000 euros por proxecto
A CORUÑA udc citeec
1 Aug 2026

O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña seleccionou cinco proxectos de investigación na primeira edición da súa Convocatoria de Financiamento de Proxectos de Investigación Propios 2026. A iniciativa está dirixida ao persoal investigador posdoutoral do centro e ten como obxectivo impulsar proxectos liderados por investigadores e investigadoras que aínda non exerceron como responsables principais en convocatorias competitivas.

A convocatoria conta co financiamento da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027. Cada proposta poderá recibir ata un máximo de 10.000 euros para favorecer o desenvolvemento de novas liñas de investigación e a colaboración entre grupos do propio centro.

Entre os proxectos seleccionados figura 'WINDVOLT', liderado por Andrés Fernández San Miguel e Antonio José Álvarez Naveira, que estudará o potencial da enerxía eólica en contornas urbanas mediante a combinación de medicións reais e modelos numéricos para identificar localizacións con capacidade para producir enerxía renovable.

Outra das iniciativas financiadas será 'MARBIOREEF', desenvolvida por Blas Cantero Chaparro e María Estela Castillo Busto. O proxecto avaliará a seguridade ambiental de materiais sostibles destinados á fabricación de arrecifes artificiais impresos en 3D, estudando a reutilización de cinzas de biomasa e o emprego de nanocelulosa en ambientes mariños.

No ámbito das infraestruturas, 'WOODSAFE', coordinado por Pilar De La Rosa García e Arturo Norberto Fontán Pérez, investigará o uso de técnicas fotogramétricas para monitorizar pontes peonís de madeira, coa finalidade de mellorar os sistemas de inspección, mantemento e conservación destas estruturas.

Pola súa banda, o proxecto 'ChuvIA', impulsado por Andrés Figuero Pérez e Alberto Alvarellos González, desenvolverá un sistema de predición hiperlocal de precipitación baseado en intelixencia artificial e nos modelos meteorolóxicos de MeteoGalicia. O obxectivo é optimizar a planificación das operacións de carga e descarga de mercadorías nos portos.

A quinta proposta seleccionada é 'MmaR', liderada por José Sande González-Cela e Gemma Rojo López. A investigación busca deseñar arrecifes artificiais multifuncionais capaces de contribuír á redución da erosión costeira, favorecer a restauración dos ecosistemas mariños e crear condicións adecuadas para a práctica do surf.

Con esta convocatoria, o CITEEC pretende reforzar a investigación interdisciplinar e apoiar o talento investigador emerxente, promovendo proxectos con potencial para dar resposta a desafíos ambientais, tecnolóxicos e sociais, así como facilitar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo.

0.12623906135559