O CIM móbil achegará a Vilasantar atención especializada para mulleres e colectivos vulnerables

ACoruñaXa
O servizo instalarase o 13 de agosto no centro de saúde para ofrecer asesoramento psicolóxico, social e xurídico de forma gratuíta
CIM MÓBIL
8 Aug 2026

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) móbil fará parada o vindeiro 13 de agosto en Vilasantar para achegar un servizo especializado de atención integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero e violencia sexual, así como a outros colectivos vulnerables. A unidade estará situada no centro de saúde e prestará atención entre as 9.00 e as 14.00 horas.

Este recurso itinerante nace co obxectivo de garantir que a cidadanía dos concellos que non dispoñen dun CIM fixo poida acceder a apoio especializado sen necesidade de realizar desprazamentos. Para iso, ofrece atención psicolóxica, asesoramento social e xurídico, información sobre os recursos públicos dispoñibles e acompañamento ás persoas que o precisen.

Ademais da atención individual, o CIM móbil tamén desenvolve accións de prevención e sensibilización sobre igualdade, violencia de xénero e diversidade LGBTI, promovendo a información e a concienciación da cidadanía e reforzando a coordinación cos recursos sociais e institucionais do territorio.

Desde o Concello lembran que o servizo está aberto a toda a cidadanía, polo que calquera persoa pode achegarse para solicitar información, resolver dúbidas ou coñecer os recursos existentes, independentemente de que se atope ou non nunha situación de violencia.

0.12934613227844