O Cidade da Coruña xogará na Superliga 2 tras un ascenso histórico para o voleibol feminino coruñés

O Club Voleibol Cidade da Coruña competirá a vindeira tempada na Superliga 2 Feminina, a segunda máxima categoría do voleibol estatal, despois de lograr un ascenso histórico para a entidade e para o deporte feminino coruñés.
O éxito do equipo sénior feminino supón un paso adiante para un club cunha longa traxectoria na formación de xogadoras e cun papel destacado na promoción do voleibol de base. Na actualidade, o Cidade da Coruña conta con 17 equipos e máis de 200 deportistas federados, na súa maioría mulleres, con presenza en todas as categorías, desde benxamín ata sénior.
O ascenso permitirá ademais recuperar os derbis coruñeses na Superliga 2 Feminina, xa que o Cidade da Coruña compartirá competición co Zalaeta. Deste xeito, A Coruña reforza a súa presenza nas categorías nacionais do voleibol feminino.
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, recibiu esta tarde ás integrantes do club xunto co secretario xeral para o Deporte, Roberto García Fernández, e a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Mª Mar Ferreiro Broz. Durante o encontro, os representantes autonómicos felicitaron ás xogadoras, ao corpo técnico e á directiva polo ascenso e destacaron o traballo desenvolvido pola entidade durante os últimos anos.
Desde a Xunta subliñaron que o logro do equipo sénior feminino vai máis alá do resultado deportivo, ao converterse nun exemplo para centos de mozas que practican voleibol na comarca coruñesa. Tamén puxeron en valor a aposta do club pola formación, o esforzo e o traballo en equipo.
A entidade ten a súa orixe hai máis de cincuenta anos no ámbito do Colexio Calasancias, a través do Club Deportivo Padre Faustino, e co paso do tempo consolidouse como unha das canteiras máis relevantes de Galicia.
O secretario xeral para o Deporte destacou tamén o crecemento do voleibol galego. Segundo os últimos datos federativos, Galicia supera as 4.900 licenzas de voleibol e vólei praia, das que máis de 3.600 corresponden a mulleres. A modalidade conta ademais con 488 equipos e 34 deportistas recoñecidos na categoría de Alto Nivel Galego.