O ciclo infantil Sábados Miúdos regresan a Betanzos o 28 de setembro con 'Manual para deitarse e durmir'

ACoruñaXa
A actividade, dirixida a nenos e nenas de 1 a 4 anos, terá lugar o 28 de setembro na Sala de Usos Múltiples do Edificio Arquivo. Será necesario inscribirse para poder participar
sábados miúdos betanzos
22 sep 2024

O próximo sábado 28 de setembro, os Sábados Miúdos de Betanzos retoman a súa programación coa actuación de Caxoto Contacontos, que presentará o espectáculo 'Manual para deitarse e durmir'. A función terá lugar na Sala de Usos Múltiples do Edificio Arquivo ás 12.00 horas, e está dirixida a nenos e nenas de entre 1 e 4 anos, que poderán asistir acompañados das súas familias.

O espectáculo, cunha duración de 35 minutos, ofrece 20 prazas, con prioridade para os nenos empadroados en Betanzos. Cada menor poderá asistir acompañado por dúas persoas adultas. O prazo de inscrición abrirase o 23 de setembro ás 10.00 horas na páxina web do Concello de Betanzos e permanecerá aberto ata cubrir todas as prazas dispoñibles. A confirmación da praza será enviada por correo electrónico antes da realización da actividade.

'Manual para deitarse e durmir' explora de maneira divertida e máxica o proceso que viven os pequenos antes de ir para a cama, transformando cada paso (como poñer o pixama ou fantasear coas sombras) nunha aventura emocionante.

Os Sábados Miúdos continuarán con máis actividades dirixidas ao público infantil, cheas de contos, xogos e música. A próxima cita será o 26 de outubro con Raquel Queizás e o seu espectáculo "O medo hai que entretelo".

Esta iniciativa, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, conta co apoio da Deputación da Coruña e da Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude da Xunta de Galicia. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Servizo no 981 770 100 ou a través do correo normalizacion@betanzos.net.

0.18822503089905