O CICA abre oito bolsas para achegar estudantes de máster á investigación da UDC

ACoruñaXa
As axudas, de 2.000 euros, permitirán desenvolver Traballos Fin de Máster en proxectos sobre saúde, sustentabilidade, nanotecnoloxía e novos materiais
A CORUÑA udc bolsas cica
12 Jun 2026

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña abriu unha nova convocatoria de bolsas para estudantes de máster que queiran realizar o seu Traballo Fin de Máster en grupos de investigación do propio centro.

A iniciativa permitirá conceder ata oito axudas de 2.000 euros ao alumnado que se incorpore a proxectos interdisciplinares desenvolvidos por equipos científicos da UDC. As liñas ofertadas abordan ámbitos como novas terapias para enfermidades oculares e cancro, nanotecnoloxía aplicada á biomedicina, resistencia aos antibióticos, terapia xénica, imaxe médica avanzada ou materiais para o almacenamento sustentable de enerxía.

As bolsas están dirixidas a estudantes de posgraos oficiais vinculados a áreas como química, bioloxía, biotecnoloxía, ciencias ambientais, bioinformática ou ciencias da saúde. O obxectivo é facilitar o contacto directo co traballo investigador desde as primeiras etapas da formación de posgrao.

O prazo de solicitude estará aberto do 30 de xuño ao 30 de xullo de 2026. A selección das persoas beneficiarias realizarase en función do expediente académico.

O CICA, creado en 2015, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras nas áreas de biomedicina, alimentación, contaminación e saúde, e nanociencia e materiais avanzados.

0.14975690841675