O centro de saúde de Meicende estreará fachadas e cuberta tras unha reforma de 190.000 euros

O Concello de Arteixo acometerá unha reforma integral das fachadas e da cuberta do centro de saúde de Meicende cun investimento de 190.000 euros. A actuación está incluída no capítulo de investimentos dos orzamentos municipais de 2027 e sairá a licitación para que os traballos poidan executarse o vindeiro ano.
O edificio, de titularidade municipal, foi cedido no seu día ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para ampliar a atención sanitaria a este núcleo de poboación. A intervención permitirá mellorar tanto a súa eficiencia enerxética como o seu estado de conservación e o seu aspecto exterior.
Entre os traballos previstos figura a instalación dun sistema de illamento térmico polo exterior, cun acabado de morteiro acrílico nas fachadas lateral e traseira, así como nos voadizos. Tamén se renovará o material de cubrición do tellado e incorporarase illamento térmico na cuberta inclinada.
Ademais, o proxecto contempla substituír as carpintarías exteriores deterioradas das fachadas dianteira e traseira por novas ventás de aluminio lacado.
Melloras tamén no interior
A actuación incluirá diferentes traballos de conservación no interior do centro de saúde. En concreto, renovaranse, repararanse ou substituiranse parcialmente elementos como pavimentos, azulexos, falsos teitos e pintura das paredes.
O Concello tamén prevé limpar e desengraxar a sala de caldeiras, situada na planta semisoto, e instalar un equipo de aire acondicionado na zona de recepción e espera da planta baixa.
Con este investimento, o goberno local busca mellorar as condicións do edificio e actualizar as súas instalacións, tanto no exterior como nos espazos destinados á atención dos usuarios.