O CEIP de Tabeaio inicia unha renovación para modernizar as súas instalacións

O Concello de Carral continúa avanzando na mellora das infraestruturas educativas do municipio co inicio das obras de renovación do CEIP de Tabeaio, unha actuación que permitirá modernizar as instalacións e dar resposta ás necesidades trasladadas pola comunidade educativa.
O proxecto, que comezou nos últimos días, contempla a substitución da carpintería exterior e o acondicionamento do interior do centro. Durante unha visita ás instalacións, o concelleiro de Obras, Óscar Bodelo, e a concelleira de Educación, Cristina Casal, destacaron que a intervención responde ás demandas que o centro leva tempo formulando e contribuirá a ofrecer unhas mellores condicións tanto para o alumnado como para o profesorado.
Entre as actuacións previstas figura a renovación da carpintería exterior, que actualmente é de aluminio sen rotura de ponte térmica e con acristalamento simple. Ademais, substituiranse as portas e executarase un novo falso teito con placas de cartón xeso e illamento de la de rocha, mellorando así o comportamento térmico do edificio. O proxecto tamén inclúe a instalación dunha nova iluminación.
Segundo o Concello, estas actuacións non só permitirán modernizar as instalacións, senón tamén incrementar a eficiencia enerxética do inmoble e mellorar o confort no interior das aulas.
As obras contan cun prazo de execución dun mes e iniciáronse durante o mes de agosto para evitar interferencias na actividade lectiva do centro. O investimento ascende a 41.135,60 euros, financiados con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.
A intervención no CEIP de Tabeaio súmase ás obras iniciadas esta mesma semana na escola infantil A Galiña Azul, dentro da aposta do Concello por continuar mellorando os centros de ensino do municipio.