A escola infantil A Galiña Azul de Carral ampliará os seus espazos cun investimento de 30.000 euros

A escola infantil pública A Galiña Azul de Carral iniciou as obras de mellora das súas instalacións, unha actuación que permitirá ampliar os espazos de uso do centro e incrementar a súa funcionalidade. Os traballos contan cun financiamento da Xunta de Galicia de preto de 30.000 euros.
O proxecto inclúe a construción dun novo almacén exterior destinado a gardar xoguetes e outro material escolar, así como a cuberta do patio exterior, que quedará conectado coa estrutura xa existente. Deste xeito, o alumnado disporá dunha superficie máis ampla e protexida para o desenvolvemento das actividades diarias.
As actuacións forman parte dun programa de mellora das escolas infantís públicas de titularidade municipal e autonómica impulsado pola Xunta en distintos concellos galegos. No caso de Carral, a intervención busca adaptar as instalacións ás necesidades actuais do centro e mellorar os espazos destinados ao uso do alumnado.
Con motivo do inicio das obras, o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, visitaron a escola infantil para coñecer o desenvolvemento da actuación.