O CEE Nosa Señora do Rosario amplía a oferta de actividades adaptadas para o vindeiro curso

ACoruñaXa
O programa contará con 62 prazas distribuídas en cinco grupos
Imaxe do CEE Nosa Señora do Rosario na Coruña
11 Jul 2026

O Concello da Coruña resolveu a adxudicación das prazas do programa de actividades complementarias dirixido ao alumnado do CEE Nosa Señora do Rosario para o curso 2026-2027. A iniciativa, destinada a escolares con necesidades educativas especiais, contará finalmente con 62 prazas, fronte ás 48 previstas inicialmente, despois de que a maioría das familias solicitase que os seus fillos e fillas puidesen participar en máis dunha actividade semanal.

En total, 15 nenos e nenas formarán parte deste programa, que se desenvolverá en cinco grupos e que combina actividades deportivas adaptadas e propostas de carácter artístico.

O concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego, destacou a importancia desta iniciativa, que cualificou como pioneira dentro da oferta municipal. “No Goberno municipal estamos moi orgullosos de sacar adiante un programa tan importante como este. Así reivindicamos o dereito de todos as nenas e nenas a desenvolver as súas capacidades nunha contorna segura e con profesionais capaces de atender as súas necesidades. Esa é a senda que queremos seguir, a dunha cidade aberta e cos mellores servizos”, afirmou.

As familias disporán do 15 ao 24 de xullo para formalizar a aceptación das prazas adxudicadas.

As actividades impartiranse entre o 1 de outubro de 2026 e o 18 de xuño de 2027, de luns a venres, en horario de 15.00 a 17.00 horas, aínda que o Concello indica que a saída do alumnado poderá adaptarse ás necesidades de conciliación das familias.

A programación inclúe tres grupos de multideporte adaptado, que se desenvolverán os luns, martes e xoves; unha sesión semanal de judo adaptado, os mércores; e un grupo de creación artística e artes escénicas inclusivas, os venres.

O programa está dirixido a escolares de entre 6 e 21 anos e desenvolverase nas instalacións do propio CEE Nosa Señora do Rosario, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e evitar desprazamentos a outros espazos da cidade.

Segundo o Concello, esta iniciativa pretende garantir que o alumnado con necesidades educativas especiais poida acceder a actividades deportivas e culturais fóra do horario lectivo, nun formato adaptado ás súas necesidades e en igualdade de oportunidades co resto dos nenos e nenas.

Paralelamente, o Goberno municipal volveu reclamar á Xunta de Galicia que asuma a súa competencia en materia de transporte adaptado para este alumnado. Juan Ignacio Borrego asegurou que este servizo resulta imprescindible para favorecer a conciliación das familias e lamentou que o delegado territorial de Educación aínda non aceptase reunirse co Concello para abordar esta e outras cuestións relacionadas cos servizos educativos da cidade, malia que, segundo indicou, a solicitude foi trasladada en catro ocasións.

As aceptacións das prazas deberán presentarse por escrito, asinadas por ambos proxenitores ou titores legais, a través da sede electrónica do Concello ou de calquera rexistro público municipal. As familias que non poidan realizar este trámite por razóns relacionadas co coidado dun menor tamén poderán remitilo mediante correo electrónico ao Servizo Municipal de Educación.

0.12106609344482