O caos do transporte metropolitano na provincia de A Coruña volve ao Parlamento galego pola saturación e as carencias do servizo

Os problemas do transporte metropolitano na comarca da Coruña regresaron ao debate político no Parlamento galego. A deputada do BNG Iria Taibo levou de novo á Comisión 2ª as queixas acumuladas durante meses por parte das persoas usuarias, que seguen denunciando un servizo afastado das necesidades reais de mobilidade na área coruñesa.
A intervención produciuse, ademais, na mesma semana na que a Directora Xeral de Mobilidade mantivo unha reunión cos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, nun contexto de crecente malestar polo funcionamento das conexións metropolitanas.
A formación nacionalista puxo o foco nunha situación que considera insostible para moitas persoas que dependen do autobús no seu día a día. Entre os principais problemas, sinala liñas mal adaptadas aos desprazamentos por traballo, estudos ou lecer, horarios pouco útiles e unha saturación habitual nas horas punta que provoca que viaxeiros e viaxeiras queden sen poder subir en determinadas paradas.
Segundo expuxo Taibo, esta situación resulta especialmente visible en puntos como Santa Cruz, Santa Cristina e Fonteculler. Ademais, advertiu de que estas incidencias castigan aínda máis ás persoas con mobilidade reducida, que ven limitado o seu acceso a un servizo público que debería garantir a igualdade de condicións.
Outro dos aspectos cuestionados é a falta dun sistema de información actualizada en tempo real, unha carencia que, segundo o BNG, agrava a sensación de desorde e dificulta a planificación dos desprazamentos diarios da cidadanía.
Na súa resposta, a Dirección Xeral de Mobilidade apelou ao diálogo institucional e apuntou como posible mellora o estudo de novas liñas que conecten algúns concellos coa Universidade da Coruña e cos polígonos industriais. Con todo, a deputada nacionalista considerou insuficiente este anuncio e criticou que esas demandas levan tempo sobre a mesa sen que se teñan traducido en medidas concretas.
O BNG sostén que a reforma do transporte metropolitano non pode seguir adiándose nunha comarca marcada pola intensidade do tráfico e polos problemas de mobilidade. A formación defende que a solución non pasa unicamente por aumentar infraestruturas viarias, senón tamén por ofrecer un transporte público útil e fiable que permita retirar coches das estradas.
Xunto ao impacto no tráfico, Taibo advertiu tamén da dimensión ambiental do problema. Ao seu xuízo, mentres o servizo continúe sendo deficiente, seguirá sendo difícil reducir o uso do vehículo privado e fomentar unha mobilidade máis sostible. Por iso, reclamou á Xunta que priorice os intereses das persoas usuarias por riba dos das empresas concesionarias.