O calor pon contra as cordas aos placeiros da praza de Lugo

As altas temperaturas chegaron tamén ao interior do mercado de Eusebio da Guarda, na praza de Lugo. O Grupo Popular denuncia que placeiros e clientes están a soportar máis de 30 graos dentro do edificio pola falta de funcionamento do sistema de climatización.
A concelleira Carmen No comprobou este luns a situación no mercado, segundo sinala o PP, que reclama ao goberno local unha solución urxente para garantir unhas condicións axeitadas tanto para os profesionais como para os usuarios da praza.
Os populares advirten de que a situación é especialmente preocupante ao inicio do verán, xa que os traballadores aseguran que o calor dificulta a actividade diaria, pode afectar á conservación dos produtos e mesmo provocar a perda de clientes.
O PP lembra que xa levou ao pleno de maio unha moción para reclamar melloras nos mercados municipais da cidade. A formación denuncia incidencias relacionadas con filtracións, avarías en ascensores e montacargas, problemas de climatización, deterioración das instalacións e falta de mantemento preventivo.
Desde o grupo municipal insisten en que os mercados son espazos esenciais para os barrios, para o comercio de proximidade e para a venda de produto local. Por iso, reclaman ao Concello unha actuación planificada que non deixe o funcionamento destes espazos só no esforzo diario dos placeiros.