O bonito da Lonxa volverá ser protagonista na hostalaría coruñesa este verán

A Coruña volverá mirar ao mar tamén na mesa. As xornadas gastronómicas 'A Coruña, que bonito!' regresan este verán cunha nova edición na que o bonito da Lonxa coruñesa será o eixo das propostas culinarias dos restaurantes participantes.
A iniciativa, impulsada polo Concello, desenvolverase entre o 14 de xullo e o 16 de agosto co obxectivo de reforzar a gastronomía local, apoiar ao sector da restauración e poñer en valor o produto de proximidade ligado á tradición mariñeira da cidade.
Os establecementos interesados poden inscribirse desde hoxe, mércores, e ata as 14.00 horas do 19 de xuño. A participación é gratuíta e está aberta aos restaurantes da cidade, aínda que a organización fixa inicialmente un máximo de 30 locais.
Cada restaurante deberá incorporar á súa carta un prato, menú ou proposta gastronómica na que o bonito da Lonxa da Coruña teña un papel principal. Poderán presentarse ata tres creacións diferentes por establecemento, con liberdade para apostar por receitas tradicionais ou por elaboracións máis innovadoras.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que estas xornadas unen dous sinais de identidade da cidade: o mar e a cociña. A proposta busca tamén achegar á cidadanía e aos visitantes unha forma atractiva de descubrir a diversidade da oferta gastronómica coruñesa durante o verán.