O BNG traslada ao Parlamento as demandas da plataforma veciñal de Infesta de Betanzos

ACoruñaXa
Mercedes Queixas comprometeuse coas veciñas e veciños a trasladar ao Parlamento de Galiza os problemas de seguridade na estrada AC-542, que une Betanzos co Mesón do Bento
Imaxe de Mercedes Queixas coa plataforma Infesta
Imaxe de Mercedes Queixas coa plataforma Infesta
3 may 2024

O BNG traslada ao Parlamento as demandas da plataforma veciñal de Infesta. A deputada do BNG, Mercedes Queixas, e a portavoz nacionalista, Amelia Sánchez, xunto cos outros membros do grupo municipal reuníronse coa veciñanza de Infesta para falar dos problemas de seguridade viaria e doutras necesidades da veciñanza que vive neste núcleo.

Mercedes Queixas comprometeuse coas veciñas e veciños a trasladar ao Parlamento de Galiza os problemas de seguridade na estrada AC-542, que une Betanzos co Mesón do Bento. “Ao longo dos anos, no BNG vimos presentando iniciativas no Parlamento galego co fin de solucionar estas problemáticas. Na mesma liña, presentamos tamén emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para que se dispuxesen os fondos necesarios para acometer as reformas necesarias para evitar os puntos negros e mellorar a circulación dos vehículos e a seguridade dos veciños e veciñas dos núcleos que atravesa a mencionada estrada”, lembrou Queixas.

“Reclamaremos á Xunta de Galiza que solucione os problemas de seguridade viaria na estrada AC-542 ao seu paso polo núcleo de Infesta, sobre todo na zona máis perigosa que é a ponte sobre a vía do tren, que precisa unha ampliación e mellora”, explicou a voceira do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez. “ A construción de beirarrúas e de camiños peonís seguros, a creación de sendas ciclábeis para os ciclistas e os camiñantes e a mellora na sinalización dos pasos de peóns, son outras das necesidades que nos trasladou a veciñanza”, indicou Sánchez.

A portavoz do BNG insistiu tamén na necesidade de soluciona dos problemas de visibilidade e seguridade nos cruzamentos desta estrada coas estradas secundarias do núcleo de Infesta. “Trátase dunha demanda unánime de todos os grupos da corporación, que aprobou por unanimidade a moción do BNG o pasado martes, e da veciñanza e esperamos que a Xunta tome medidas para buscar solucións o antes posíbel”, concluíu Sánchez.