Néstor Rego pide ao Goberno a instalación de barreiras acústicas na AP-9 no seu paso por Bergondo

ACoruñaXa
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego presentou esta maná distintas iniciativas nas que demanda ao Ministerio de Transportes a instalación dun sistema de barreiras acústicas no tramo da AP-9 ao seu paso polo municipio de Bergondo, nos lugares de Mariñán, Miodelo e Guísamo.
Néstor Rego - Deputado Congreso BNG
Néstor Rego - Deputado Congreso BNG
23 ene 2024

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego presentou esta maná distintas iniciativas nas que demanda ao Ministerio de Transportes a instalación dun sistema de barreiras acústicas no tramo da AP-9 ao seu paso polo municipio de Bergondo, nos lugares de Mariñán, Miodelo e Guísamo.

Deste xeito, Rego trasladou a demanda da veciñanza de Mariñán, Miodelo e Guísamo, debida á contaminación acústica xerada polo tránsito dos vehículos que discorren pola AP-9 e que causa graves trastornos na vida diaria das e dos habitantes da zona. Ademais, o deputado do BNG solicita ao Ministerio que estude os motivos polos que se incrementou a contaminación acústica nesta autoestrada á altura de Guísamo, despois da última rehabilitación da vía e que poderían estar relacionados co material empregado na capa de rodadura.

Un problema que afecta á calidade de vida da veciñanza

“O tránsito de vehículos a elevadas velocidades é constante”, afirmou Néstor Rego quen subliñou que os veciños e veciñas destes lugares levan tempo exixindo medidas como a instalación dalgún sistema redutor do impacto sonoro nas súas vivendas, como as pantallas acústicas, algo habitual na construción de novas vías, mais non nas antigas.

Néstor Rego aproveitou para criticar a pasividade do Ministerio ante esta situación que foi denunciada en varias ocasións polos veciños da zona e trasladada ás distintas Administracións competentes sen que se adopten as medidas pertinentes ante un problema que afecta á calidade de vida da xente. “Sabe o Ministerio polos estudos de ruído dos que dispón que a exposición directa e continuada a unha contaminación acústica elevada pode derivar en problemas de saúde”, apuntou o nacionalista galego.